Desprazarse pola zona central dos camiños, empregar calzado pechado e roupa clara e utilizar repelentes axeitados son algúns dos consellos que achega o estudo ‘Determinación das zonas de risco de picadura de carrachas no Camiño de Santiago Francés (etapas O Cebreiro-Santiago’, realizado por Susana Remesar Alonso. O traballo ten a súa orixe nun proxecto de investigación financiado pola Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da USC, cuxa creación é o resultado da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia da Xunta de Galicia.
Susana Remesar, profesora do Departamento de Patoloxía Animal da Universidade de Santiago de Compostela, lembra neste traballo que as carrachas son artrópodos que se alimentan de sangue e que “transmiten unha ampla variedade de bacterias, virus e parasitos, o que lles confire grande importancia como vectores de axentes patóxenos para persoas e animais. Estudos previos demostraron que unha elevada porcentaxe das carrachas presentes na vexetación de Galicia albergan patóxenos zoonósicos, sendo algunhas xenoespecies de ‘Borrelia’ incluídas no grupo ‘B. burgdorferi sensu lato’, causantes da enfermidade de Lyme, os máis prevalecentes”.
O Camiño de Santiago, lémbrase na investigación, “é o roteiro antigo máis concorrido de Europa e a maioría do seu percorrido realízase por áreas boscosas con vexetación autóctona con presenza de animais silvestres que forman no seu conxunto un hábitat adecuado para o mantemento das poboacións de carrachas. Por estes motivos, o obxectivo principal da presente investigación foi determinar e delimitar as áreas de risco de picadura de carrachas presentes nas diferentes etapas do Camiño de Santiago Francés en Galicia. Esta información será de gran importancia para previr as picaduras destes artrópodos reducindo así o risco de transmisión de axentes patóxenos”.
As mostraxes de carrachas realizáronse durante os períodos de maior actividade das mesmas e os resultados obtidos revelan que “a carracha máis abundante nas áreas mostreadas é a ‘Ixodes ricinus’, o que ten un especial interese desde un punto de vista epidemiolóxico xa que nunha elevada porcentaxe das mostras se detectaron xenoespecies de ‘Borrelia’ asociadas á enfermidade de Lyme. Ademais, tamén se detectaron exemplares de ‘Dermacentor marginatus’ e ‘Ixodes ricinus’ positivos a especies de ‘Rickettsia’, ‘Anaplasma’ e ‘Babesia’ zoonósicas”.
Prevención
O coñecemento adquirido permitirá desenvolver estratexias de control proporcionando información sobre como previr as picaduras e como actuar no caso de sufrilas. Nos anexos do estudo, como primeiras medidas de prevención suxírese camiñar pola zona central dos camiños e usar calzado pechado, roupa clara e repelentes. Unha segunda fase suporía revisar o corpo e a roupa ao final da xornada para descartar que quedase algunha carracha fixada no corpo. E terceira fase, no caso de localizarse algunha debe extraerse o antes posible empregando pinzas, colocándoas preto da pel e tirando suavemente; a continuación recoméndase gardar a carracha nun bote con alcol por se fose preciso analizala posteriormente, e lavar con auga e xabrón a ferida. Están contraindicados o uso de aceites ou calor para extraer as carrachas, e tampouco se deben cortar.
O estudo recorda que se nos días seguintes á picadura da carracha aparece febre ou algunha erupción na pel, debe acudirse a un centro de saúde levando o bote coa carracha por se fose preciso analizala para coñecer con exactitude que enfermidade transmitiu.