“O tempo na Compostela medieval é individual, elástico, a sensación que ten o individuo do tempo vai cambiando conforme cambia o contorno, a sociedade, as actividades que desenvolve”, explica o profesor de Historia Xosé Manoel Sánchez, autor do libro ‘Tiempo y viaje en la Compostela medieval’, que acaban de publicar Edicións USC e o Consorcio de Santiago.
Malia a visión que frecuentemente temos das sociedades medievais como sociedade illadas, o que demostra a documentación, segundo o investigador, é que “era un mundo moi comunicado, gustoso de comunicarse e de coñecer, pero cunhas coordenadas distintas, cunhas marxes temporais estendidas pola dificultade de comunicación inmediatada”.
A propia percepción das viaxes e das peregrinacións “depende dos requerimentos”, subliña Sánchez, que constatou que antes do século XII a xente que peregrina ten o obxectivo de rezar en Santiago e quere chegar axiña, pero despois vai con outras pautas e “non é preciso o apuro, desde o século XIII hai elementos que condensan a un tempo sentidos sacros e turísticos coma as cruces de consagración da Catedral de Santiago, e contemplalas considérase un tempo ben investido no espiritual, ás que se engaden certos obxectos para ver no templo”.
O investigador considera que as fontes medievais ás que temos acceso hoxe en día en boa media permiten ver que as persoas que vivían na Idade Media “tiñan as mesmas angurias e gustos ca nós, os mesmos sentimentos de busca de seguridade, de envexa, de amor, de odio, de preguiza… pero en cambio tiñan códigos diferentes en relación co tempo”.
Na Compostela da época medieval, indica Xosé Manoel Sánchez, “había unha relación fonda coas terras do seu contorno, e o calendario festivo e litúrxico marca un fragmento do tempo na vida urbana”, de xeito que “hai unha continuidade de costumes, de usos, de tradicións coma a feira cabalar do Outeiro de Poldros da Carballeira de Santa Susana, ou as festas”.
O tempo atmosférico e as horas de luz ou escuridade, o abrente e a noitiña, marcan a vida, o mesmo que as campás que sinalan os actos litúrxicos, mais cando a finais da Idade Media chegan os reloxos á vida urbana, “pásase dun tempo eclesiástico a un tempo civil, cambio o xeito no que se marca o tempo”.