Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2024
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, acompañados pola xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, mantiveron hoxe unha reunión de coordinación para analizar as reclamacións das persoas afectadas pola situación da axencia de viaxes A&M Tours.
O obxectivo deste encontro é afondar na colaboración entre ambos departamentos da Xunta para poñer a disposición todos os mecanismos dispoñibles e necesarios e garantir, a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia e de Turismo de Galicia, os dereitos das persoas consumidoras afectadas por este caso. Nesta liña, hai que lembrar que o Instituto Galego do Consumo e da Competencia conta con diversas vías abertas e gratuítas de atención, como o teléfono ao consumidor, a cita previa en oficinas ou o asistente de reclamacións virtual.