O inverno comeza este sábado ás 10.21 horas e pechará un outono chuvioso coma o do ano anterior

Este sábado 21 de decembro dará comezo o inverno boreal ás 10.21 horas. A nova estación vaise prolongar ata as 10 horas do 20 de marzo, momento no que se iniciará a primavera. Remata así outro outono chuvioso na comarca compostelá, semellante ao do ano anterior, no que a cantidade total de precipitación recollida no Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC nestes últimos tres meses foi de 771,5 litros/m2 (94,7 nos oito últimos días de setembro, 409,4 en outubro, 140,3 en novembro, e 127,1 en decembro). Por tanto, unha cantidade da orde dos  800 l/m2 do outono do ano pasado, explica o coordinador científico do Observatorio, José Ángel Docobo.

A estación invernal no hemisferio norte é a de menor duración: 88,99 días, fronte aos 89,86 do outono; 92,74 da primavera e os 93,65 do verán. O inicio do inverno coincide co paso do Sol polo punto Capricornio da Eclíptica ou Solsticio de decembro, producíndose neste intre a mínima declinación solar (-23º4 con respecto do Ecuador Celeste) o que ten como consecuencia que teñamos o día máis curto do ano cunha duración de pouco máis de 9 horas na nosa latitude.

Porén, as tardes xa comezaron a medrar dende o pasado día 7 de decembro, mentres que as mañás seguirán minguando ata Reis. Isto débese a que a hora oficial está baseada no chamado Sol medio, punto que vai reproducindo as posicións medias do Sol ao longo do ano dado que este último se despraza aparentemente con velocidade variable.

Chuvia
Meteoroloxicamente falando, remata un outono que comezou moi chuvioso pero que logo se foi moderando aínda que con picos coma o do 18 de decembro, cando se recolleron 64,1 l/m2. Porén, ao contrario que en 2023, este ano tamén choveu ben nos primeiros meses, de tal xeito que en 2024 é moi probable que pasemos en Santiago dos dous mil litros/m2, cantidade que xa se superou lixeiramente o ano pasado (2.009, 3 l/m2) pero que non acontecía dende 2014. O día mais chuvioso deste outono, e do que vai de ano, foi o 8 de outubro con 101,5 litros/m2, segundo indica José Ángel Docobo.

Finalmente destacar os fortes ventos da mañá do 24 de novembro cun refacho de 68 km/h no Campus Sur da USC, así como a treboada que se experimentou na madrugada do 1 de decembro.

Temperaturas
En canto a temperaturas, a máxima tivo lugar o 13 de outubro con 24º8, seguida dos 24º1 do 2 de novembro. Chaman a atención, segundo os datos recollidos na estación meteorolóxica do Observatorio, as dez xornadas de novembro con temperaturas por enriba dos vinte graos, aínda que tampouco é raro, sobre todo a comezos deste mes, este tipo de rexistros en Compostela. A temperatura mínima aconteceu o 14 de decembro con 1º8.

Observacións astronómicas
Na noite do 3 ao 4 de xaneiro vaise producir o máximo da choiva de estrelas Cuadrántidas (con radiante preto da Osa Maior), e neste último día, ás 15 horas, tamén pasará a Terra polo perihelio, mínima distancia ao Sol (147 millóns de quilómetros). Así mesmo, o 4 de xaneiro a Lúa vai a ocultar o planeta Saturno, pero sen dúbida o fenómeno astronómico mais relevante deste inverno vai ser a eclipse total de Lúa do 14 de marzo; esta eclipse terá o seu máximo ás 8 da mañá, iniciando a fase parcial ás 6 horas e 11 minutos da noite do 13 ao 14 de marzo.

Tamén en marzo, pero xa en primavera, iniciarase, o día 29, a xeira de eclipses de Sol que vai continuar nos anos 2026 (eclipse total na parte norte e leste de Galicia), 2027, e 2028.