O Salón Nobre do Colexio de Fonseca foi este venres o escenario do concorrido acto institucional de entrega das Insignias Fonseca coas que a USC recoñece o traballo ás traballadoras e aos traballadores que levan prestado servizos á institución universitaria durante máis de 30 anos. Este ano recibiron as insignias 120 persoas. Delas, 73 persoal de administración e servicios e 47 docentes.
O acto presidiuno o reitor Antonio López, a quen acompañaron numerosos membros do equipo reitoral, quen quixo recoñecer a dedicación “e o bo servizo” á Universidade de Santiago de todas as persoas homenaxeadas. “A USC atesoura moita experiencia, acreditada por todas e todos os que estades aquí e da que o prestixio da institución pode dar boa conta”, dixo. Lembrou ademais que estes 30 anos que hoxe se recoñecen foron “probablemente” o período de “maior transformación da Universidade en toda a súa historia” enfixo referencia aos primeiros anos dende a segregación universitaria, os avances en igualdade ou as novas tecnoloxías, “ademais de asentarse o noso compromiso con Galicia”.
En representación do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos interveu a directora da Biblioteca Universitaria, María Isabel Casal Reyes, quen animou a “manter intacto o noso compromiso coa Universidade con rigor e humildade e seguir exercendo a nosa tarefa profesional con honestidade e con sentido de lealdade institucional”. “Todos nós construímos día a día a USC”, dixo, para lanzar unha mensaxe: “non nos resignemos, non perdamos ese sentido de pertenza e convertámonos en referencia para as xeracións que veñen”.
Pola súa banda, o profesor Luis Quintela interveu en representación do profesorado para facer un relato de como cambiou a docencia nestes 30 anos. Dende “a obrigada” adaptación á Bolonia e “todas as dificultades que trouxo polos escasos recursos dos que dispúñamos” ás novas formas de traballo e a interacción co estudantado, que chega cunhas “enormes habilidades tecnolóxicas e unha mentalidade global á que temos que acostumarnos”, dixo. “Antes, a primeira fonte de información era o profesor; hoxe, a información está dispoñible a un click”, sentenciou.