A UVigo mantén en 2025 o equilibrio orzamentario cun presuposto de 248,3 millóns de euros

O equipo de goberno da Universidade de Vigo presentou este xoves ante o Claustro o proxecto de orzamentos para o vindeiro 2025, que ascende a 248.362.080 euros. Esta cifra non varía en termos absolutos (apenas -0,18%) respecto da deste ano 2024 e permite presentar un orzamento equilibrado e sostible, mantendo a coherencia de gasto dentro da senda marcada pola Xunta de Galicia para 2025 e os vindeiros exercicios.

Antes da presentación das liñas orzamentarias da Universidade para 2025, o reitor, Manuel Reigosa, realizou unha contextualización do panorama económico e financeiro da Universidade, na que fixo especial referencia ao Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego, á situación relativa ao pago do IBI no Concello de Vigo e á situación económica do Campus do Mar. Nesta intervención inicial, Reigosa sinalou que se trata “de novo duns orzamentos equilibrados”, nos que “as estimacións de ingresos son conservadoras” e nos que a “máxima prioridade” á que tratan de dar resposta é “o relevo xeracional” do persoal docente e investigador, así como potenciar a investigación. 

A continuación, a xerenta, Yolanda Lesmes foi a encargada de debullar as contas que mañá venres deberán ser aprobadas polo Consello de Goberno e a vindeira semana referendadas polo Consello Social. Ademais, nesta derradeira sesión do Claustro Universitario do 2024, tamén se presentou o informe anual do reitor, dando conta do cumprimento dos obxectivos das vicerreitorías neste últimos 12 meses e un informe da implantación de Sigma. Ademais, o grupo Nós-Universidade avanzou que presentarán unha candidatura alternativa á liña do actual equipo de goberno para as eleccións á Reitoría de 2026. Esta lista será coordinada pola catedrática do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións Carmen García Mateo.

Un orzamento equilibrado

Segundo explicou a xerenta ante o Claustro, a proposta de orzamento de 248,3 millóns de euros para 2025 confirma a senda de equilibrio pola que a institución transita no ciclo económico dende 2012. Baixo o paraugas deste presuposto seguirase avanzando na execución dos compromisos adquiridos no programa de goberno, poñendo o foco nas actuacións en materia de consolidación de emprego, promoción profesional, remuda xeracional, internacionalización, desenvolvemento da investigación e infraestruturas.

No que se refire aos ingresos, o principal capítulo é o de transferencias correntes, que representa o 63% do total con 156,4 millóns, cun incremento do 6% “ligado basicamente ao Plan de Financiamento do SUG”. Por detrás está o de transferencias de capital, que “corresponden basicamente ao financiamento de proxectos” e supón o 18% dos ingresos (45 m€). Tras estes, sitúase o de variación de activos financeiros, que representa o 12% do total de ingresos (29,2 m€) e completan o resumo de ingresos, con contías menores, os capítulos de taxas e prezos públicos (15,3 m€) e ingresos patrimoniais e variación de pasivos financeiros. 

Atendendo aos gastos, como vén sendo habitual o capítulo 1, de gastos de persoal, é o principal e representa o 59% dos gastos da institución. A segunda contía máis alta do orzamento de gastos corresponde co capítulo 6 de investimentos reais, á que se destinarán o 23% do presuposto, un total de 57,1 millóns. Destaca tamén o capitulo 2, gastos correntes en bens e servizos, que representa o 14% do gasto con 35 millóns de euros.

Políticas de persoal e novo edificio para Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo

En total, a UVigo investirá no capítulo 1 máis 145,6 millóns de euros en 2025. Esta cantidade increméntase nun 1,38% respecto á orzada en 2024, que foi de 143,6 millóns. E é que a política de persoal continúa sendo un dos piares fundamentais da estratexia do equipo de goberno e estes orzamentos “seguen avanzando na aposta polas persoas, na consolidación e promoción do PDI, tentando, ao mesmo tempo, comezar unha senda de rexuvenecemento do cadro de persoal. Todo iso, dentro do marco restritivo marcado polos límites de masa salarial autorizada, xa que se debe facer énfase en que, ano tras ano, o actual equipo ten destinado o 100 % da masa salarial dispoñible a gastos de persoal”. Así, en 2025 seguirase apostando pola promoción e estabilización do PDI, volvendo utilizar as ofertas de emprego público para sacar a concurso o máximo de prazas de funcionarios dos corpos docentes que permite a taxa de reposición, promoverase a promoción a figuras estables do profesorado que obtivese a acreditación correspondente e seguirase apostando pola retención de talento de máximo nivel, estabilizando a todo o persoal que obtivese o certificado R3. No concernente á política dirixida ao PTXAS, as políticas centraranse en promover a negociación dun acordo de medidas de conciliación familiar e persoal dos profesionais, que contemple a incorporación do teletraballo e a flexibilidade horaria, a revisión da RPT e promover a automatización e simplificación dos procedementos na procura da redución de cargas de traballo, a súa telematización, e a mellora da calidade dos servizos e unidades. 

Os orzamentos de 2025 tamén contemplan as grandes infraestruturas, como a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo (á que se destinan 5,5 m€), así como 4,7 millóns “para a dotación e mantemento de edificios, dotacións de laboratorios e mellora dos espazos comúns”, apuntou Lesmes. Ademais, o vindeiro ano virá tamén marcado por un esforzo no eido da internacionalización, tanto do persoal investigador como do estudantado, incluíndo a creación dun welcome center, un plan de plurilingüísmo e a potenciación da visibilidade internacional. Ademais, o novo orzamento permitirá garantir os dereitos de diversidade da comunidade universitaria, as actividades de extensión universitaria, fornecer o desenvolvemento sostible, afondar na igualdade e fomentar a dixitalización e o uso das novas tecnoloxías. “Cremos que presentamos un orzamento que garante a sostibilidade financeira da Universidade, garante os servizos e está orientado a accións estratéxicas”, concluíu a xerenta.

Os programas con máis peso no orzamento

Lesmes abordou así mesmo “cales son os programas de gasto que máis pesan no conxunto do orzamento”, do que o 63% (156,4 m€) se destina a goberno e administración da Universidade, onde se inclúe o gasto en persoal, gastos correntes e servizos. Os seguintes programas en relevancia son investigación e transferencia, que representa o 21% do gasto (51,7m€, dos cales 3,3 son para o sostemento dos centros de investigación e 9m para proxectos internacionais) e dotación e mantemento de infraestruturas e equipamento, para o que se destina o 10% do orzamento (23,7 m€). O cadro complétase cun 4% para apoio a alumnado e docencia (9 m€, dos cales case 4 son para innovación educativa), un 2% para dotación e funcionamento de facultades e escolas (3,8 m€), un 1% para a dotación de fondos bibliográficos (2,2 m€) e 1,2 m€ para actividades de extensión universitaria, tanto culturais como deportivas e de captación, “debido a convenios que sufragan eses gastos”, explicou.

Os cambios máis significativos son que a dotación de centros incrementa o orzamento nun 3% respecto do exercicio de 2024, ao igual que nas accións de apoio ao alumnado e a docencia que se incrementan nun 7%. O programa de fomento de desenvolvemento da investigación vese afectado por a minoración de fondos recibidos ou cuxa confirmación está prevista na data de elaboración do orzamento, mentres que os gastos destinados ao goberno e administración da increméntanse moderadamente marcando unha tendencia á contención.

Tras a intervención da xerenta, varios membros do Claustro manifestaron a súa disconformidade con as liñas orzamentarias ou algúns dos seus puntos. Entre eles, Juan Carlos Surís, en representación de Nós Universidade, quen defendeu que os orzamentos a “unha dinámica de déficit estrutural”; mentres que claustrais como Jacobo Porteiro e José Carlos Álvarez Villamarín defenderon que non permitirán corrixir os desequilibrios existentes en número de PDI entre diferentes ámbitos ou áreas de coñecemento.

Preto do 30% dos fondos de I+D+i veñen de Europa

O reitor, Manuel Reigosa, aproveitou o seu informe anual ao Claustro para facer un detallado balance dos resultados acadados pola institución en 2024 en materia de investigación e desenvolvemento. Son, a día de hoxe, 29,1 millóns de euros, dos que máis de 8 se corresponden con proxectos europeos; 6,4 con diferentes actividades de I+D (contratos, informes, cursos…) e o resto con proxectos autonómicos, nacionais e de transferencia. Exemplo dos “bos resultados” que está a acadar a institución académica viguesa en Europa é, “precisamente”, que as transparencias que o reitor tiña preparadas para amosar aos claustrais, quedaron desactualizadas tras confirmarse nas últimas horas a concesión dun novo proxecto Horizonte Europa por valor de medio millón de euros -pendente aínda de asinar-.

Tal e como foi detallando Reigosa, no que respecta aos proxectos europeos de investigación, “a nosa partida máis importante”, concedéronse 27 propostas: 19 Horizon Europe, 7 Interreg e 3 doutro tipo, cifras coas que a Universidade acada o máximo histórico de 105 proxectos europeos vivos, é dicir, 105 traballos que se están a desenvolver na actualidade na UVigo financiados pola UE.  A nivel nacional acadáronse 40 proxectos, o que supuxo unha taxa de éxito do 44% e unha inxección económica de 5,2 millóns de euros, resultados que, segundo o reitor, “amosan unha situación moi estable en canto a taxas de éxito global” e demostran que este tipo de proxectos “seguen a ser unha parte importante do fomento da investigación científica e técnica”.

No ámbito autonómico, Reigosa explicou que a Universidade acadou este ano máis de 5 millóns de euros da convocatoria de axudas realizada pola Xunta de Galicia: 2,9 M para 11 Grupos de Referencia Competitiva; 990.000  para Grupos de Potencial Crecemento, e 1,2 M para financiar a traxectoria de 12 investigadores excelentes, 6 homes e 6 mulleres.

Referiuse tamén o reitor neste punto aos proxectos educativos de cooperación,  “nos que houbo un salto moi importante no 2023 e nos que continúan a incrementarse tanto o número de proxectos como o financiamiento concedido” e, polo que respecta á evolución das actividades de I+D, aumentou lixeiramente o número de encargos -de 620 a 686-, aínda que diminuíron os ingresos -de 7,4 millóns  a 6,5 millóns-. En canto a patentes e spin-offs, Reigosa subliñou que a UVigo traballa cun número de importante de empresas baseadas no coñecemento, “tanto titorizadas como creadas”, e no caso das patentes, aínda que houbo unha baixa con respecto a outros anos, “séguense rexistrando números importantes”.

En canto á evolución histórica do financiamento acadado, o reitor explicou que a baixada producida con respecto a 2022 -cando se acadaran 41,5 M de euros- e 2023 -con 36,4 M de euros-, está relacionada co forte descenso dos fondos MRR, o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, peza central  do Next GenerationEU, o plan da Unión Europea contra a crise da covid. 

Un repaso á actividade das vicerreitorías no informe anual do reitor

No seu informe anual, Manuel Reigosa repasou algunhas das cifras e realizacións máis salientables das vicerreitorías que conforman o equipo de goberno, neste sentido, destacou no caso da de Planificación e Sostibilidade que en relación co consumo, a evolución deste ano, respecto a 2023, é practicamente idéntica. O reitor confirmou que actualmente están instalados 1174 kW de enerxía fotovoltaica, o que supón un 11% da enerxía eléctrica consumida en 2023 e un aforro estimado de 220 k€ este ano e de 280 k€ en 2023. No repaso ás accións da Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais, o reitor, puxo de manifesto o traballo que se está realizar para optimizar a xestión das redes sociais co obxectivo de incrementar o número de seguidores, mentres que en relación coa Vicerreitoría de Profesorado e Ordenación Académica, Reigosa centrouse nunha análise global do cadro de PDI a decembro de 2024 que reflicte que o persoal funcionario elévase a 793 (58,3 %) e os e as asociadas a 246 (18,0 %), cifras moi próximas ás esixencias da LOSU que fixa a porcentaxe de funcionarios no 55% e o de asociados nun 20%. Así mesmo, tamén destacou o rexuvenecemento que se está a realizar no cadro de persoal e a progresiva corrección dos desequilibrios na folgura dos departamentos.

Con respecto ás titulacións, o reitor lembrou a posta en marcha este curso do Grao en Enxeñaría de Automoción con mención dual, “que tivo un grande éxito” e dos PARS , Programas de Percorridos Sucesivos, no ámbito tecnolóxico,  que permiten que un estudante teña marcada a liña de paso de grao a mestrado e que poida acceder ao mestrado, aínda que non teña completamente acabado o grao. “Somos a única universidade galega que os puxo en marcha, pero penso que o resto tamén o farán en breve”, salientou o reitor, quen tamén mencionou os mestrados postos en marcha dentro do catálogo G2030 impulsado pola Xunta.

No apartado referido a estudantado, o reitor repasou os datos de matrícula deste curso 2024/2025 no que “marcamos un récord”, dixo, cunha taxa de ocupación do 105% e 4011estudantes matriculados en titulacións de novo ingreso de grao, mentres que 20.148 foi a cifra total de estudantes matriculados en todas as titulacións que se imparte na UVigo, incluído o Programa de Maiores. Polo que respecta á Vicerreitoría de Extensión, o reitor referiuse ás actividades máis salientables desenvolvidas no ámbito da normalización lingüística co obxectivo de darlle pulo ao uso do galego no seo da comunidade universitaria, mentres que no caso de Internacionalización destacou o incremento no número de convenios asinados, así como no de dobres titulacións.

Sobre os campus de Ourense e Pontevedra, no primeiro caso o reitor mencionou a acreditación acadada polo Campus Auga como campus especializado do SUG, cun financiamento de 3,2 millóns de euros en catro anos, mentres que no do Pontevedra lembrou a aprobación do Plan estratéxico do Campus CREA 2024-2027, así como a consolidación da súa estrutura de gobernanza e xestión e a implementación da marca Campus CREA. 

Carmen García Mateo coordinará a candidatura de Nós-Universidade ás eleccións á Reitoría

Na quenda de intervencións posteriores ao informe anual do reitor, a voceira de Nós- Universidade, Coral del Río, confirmou que Nós-Universidade “comprométese a liderar un proxecto de cambio e vaise presentar ás próximas eleccións a reitora ou reitor e será a profesora Carmen García Mateo, catedrática do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, a persoa encargada de coordinar este proceso de construción dunha alternativa con vocación de goberno”. 

O anuncio da voceira de Nós-Universidade, que asegurou poder liderar o cambio, “porque temos vocación e capacidade para facelo”, produciuse despois dunha intervención na que acusou ao equipo de goberno de carecer dun proxecto de universidade e de ter como única preocupación “defender, en verbas do reitor, o dereito moral de todas persoas acreditadas a alcanzar a cátedra no menor tempo posible. Este é o plan”. Del Río lamentou que o equipo de goberno, logo de seis anos e medio, careza de propostas de calado que transcenderan o día a día, máis aló do intento de traslado do campus de Lagoas Marcosende, “unha verdadeira desfeita”, asegurou. “A universidade das persoas caracterizouse polo seu especial agarimo á carreira profesional dos colectivos mellor situados e pola creación desaforada de cargos de libre designación espallados polo vasto organigrama do goberno”, dixo a voceira de Nós-Universidade, que asegurou que “nunca tantos cargos intermedios houberon e nunca a xestión do día a día foi tan deficiente”, situación que exemplificou co funcionamento de Sigma, os contratos de substitución por listas de agarda e os atrancos xerados para cubrir as baixas do PTXAS, “cunha morea de servizos permanentemente colapsados”, dixo.

Fronte á situación actual na que desde Nós-Universidade aseguran ver moito persoal desmoralizado e cunha profunda desafección pola institución, Coral del Río lembrou que “houbo un tempo no que esta universidade era un fervedoiro de ideas e propostas e no que a UVigo era un modelo a seguir”, polo que, segundo a catedrática, “cómpre saír do letargo no que vostedes nos sumiron e recuperar a ilusión e un proxecto novo que faga rebrotar a ilusión que sentimos polo noso traballo, un proxecto compartido de pertenza á nosa institución”. 

Yolanda Rodríguez Castro, nova directora da Unidade de Igualdade

O Claustro foi tamén o lugar elixido por Manuel Reigosa para anunciarlle á comunidade universitaria o nomeamento da profesora Yolanda Rodríguez Castro como nova directora da Unidade de Igualdade da Universidade de  Vigo, en substitución de Águeda Gómez Suárez, ‘fichada’ como asesora científica do Ministerio de Igualdade. Docente da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, Rodríguez Castro é unha das investigadoras do grupo Saúde, sexualidade e xénero, dirixido pola exvicerreitora María Lameiras e cuxa oferta científica inclúe diferentes liñas de investigación relacionadas coa igualdade, a educación sexual e a prevención da violencia de xénero.

Reigosa fixo este anuncio durante o seu informe ordinario ao Claustro, intre no que lembrou o convenio asinado co ministerio para as prazas Maria Goyri, “que permite adiantar bastante a remuda xeracional” e os contratos programa asinados cos departamentos. Por outra banda, o reitor confirmou tamén neste informe que aínda non se asinou o acordo do SUG do que depende que en cada unha das tres universidades galegas conte cunha facultade única de Enfermaría. Con respecto a esta cuestión salientou que grao e mestrado “seguen a súa tramitación” coa idea de que o mestrado, “poida funcionar no momento no que se cree a facultade”. Reiterou, ademais, que a idea do equipo de gobernó é   “ter unha facultade importante en docencia, investigación e transferencia, que estea presente nos tres campus e teña equipos de goberno que roten entre eles”.

Debate arredor de Sigma

Outro dos temas abordados neste Claustro foi Sigma, o sistema de xestión académica empregado pola UVigo. O reitor presentou un informe no fixo un repaso pola evolución da súa implantación, desde os seus antecedentes ata a situación actual. Recoñecendo que Sigma “tráenos un pouco de cabeza a todas e todos” o reitor lembrou que “en calquera implantación de case calquera sistema informático complexo xorden problemas”.

Na súa intervención, Manuel Reigosa lembrou que despois de Xesta, a Universidade de Vigo tivo que decidir que programa mercaba para a xestión académica. Buscando alternativas, detallou, as plataformas avaliadas foron Sigma e Universitas XXI, tendo en conta a opinión de distintas universidades e as comparacións de ferramentas incluídas e os aspectos administrativos. Finalmente, indicou, no ano 2021 a UVigo incorporouse a Sigma, facéndoo tamén ese mesmo ano a UDC e a USC un pouco máis tarde, en 2022. Na actualidade hai 35 universidades españolas que traballan con este sistema da organización sen ánimo de lucro Sigma Gestión Universitaria AIE, na que, como medio propio, a UVigo participa na súa toma de decisións.

Do programa Sigma Academic, o reitor sinalou que ofrece “unha solución integral 100% cloud para o ciclo de vida da xestión académica”. Ante as dificultades da súa implantación ao longo destes tres anos, o responsable académico sinalou que se decidiu recentemente crear unha estrutura nova dentro da UVigo para Sigma. Ademais, para avanzar no sistema de xestión académica, Reigosa, entre outras cousas, citou que alén do módulo base de Sigma e das modificacións que se lle poidan engadir, “aspiramos a ter módulos satélites”, pezas de software propias desenvolvidas na Universidade que logo se integran en Sigma. Así explicou que en febreiro está previsto ter lista unha ferramenta deste tipo para os POD, os plan de ordenación docente. 

Na quenda de intervencións, foron varios os membros da comunidade universitaria que trasladaron a súa visión da implantación de Sigma, facendo fincapé nas problemáticas que está a causar e no recoñecemento do esforzo realizado polo PAS para solventalas. “Xera incertidume, desánimo e desilusión”, apuntou o catedrático Íñigo Cuíñas, o primeiro en intervir sobre Sigma. O programa, apuntou pola súa banda Rosa Pérez, de Nós Universidade, “é unha fonte de frustración constante e unha tribialización do noso traballo”, apuntando a aceleración da burocratización que supón.

Foi o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade da Universidade de Vigo, José Cidrás, quen pechou este bloque dedicado a Sigma. Na súa intervención sinalou respecto ao programa de xestión que “é indispensable que funcione”. O responsable académico apuntou que respecto á súa implantación “algúns problemas son nosos e outros da empresa”, explicou o novo organigrama de xestión de Sigma na UVigo e pediu “un tempo para acomodar todo isto” e “replanificar Sigma para que funcione”.    

Novo presidente do Consello de Estudantes da UVigo

Na sesión deste xoves tamén se celebrou a votación para a elección de membros para distintos órganos en representación de diferentes sectores da comunidade universitaria. Igualmente elixiuse a Juan Santos, membro do Consello de Goberno e do Claustro, como presidente do Consello de Estudantes da Universidade de Vigo (Ceuvi). Na presentación da súa candidatura, a única que houbo e que acadou nove votos a favor e ningún en contra, o estudante do Grao de Enxeñaría Eléctrica (da Escola de Enxeñería Industrial) destacou entre as súas propostas para esta presidencia mellorar a integración das delegacións e a comunicación e fomentar a participación, apostando por facer “máis universidade e menos escolas e facultades”.  Por último, esta sesión do Claustro rematou coa quenda de rogos e preguntas.