O fármaco adalimumab é un medicamento biolóxico amplamente utilizado para tratar a Enfermidade Inflamatoria Intestinal (EII) como a colite ou a enfermidade de Crohne, que afecta en España o 1% da poboación e cunha tendencia á alza que levará a que nos próximos cinco anos unha de cada 100 persoas a padeza. Centrándose neste fármaco, unha investigación do CIMUS da USC e do IDIS liderada por Pablo Aguiar e Anxo Fernández Ferreiro acaba de descubrir unha metodoloxía pioneira que abre a porta ao deseño de novos medicamentos para a súa abordaxe. O uso de tecnoloxías de imaxe molecular como a tomografía por emisión de positróns (PET), habituais xa na práctica médica, posibilita un maior achegamento a fases clínicas. O traballo acaba de publicarse na revista International Journal of Pharmaceutics.
Dende o CiMUS traballaron neste estudo con modelos animais de EII que se empregan no desenvolvemento de novos fármacos en fases preclínicas, xusto antes de iniciar os ensaios clínicos en pacientes. “O máis significativo desta novidosa metodoloxía podería ser de utilidade para laboratorios farmacéuticos que pretenden mellorar o deseño dos seus fármacos, tanto en fase preclínica como mesmo clínica, xa que aplicamos as mesmas tecnoloxías de imaxe molecular que se están empregando xa nas rutinas médicas”, explica Jessica Codesido, primeira asinante do artigo.
A vía de administración e o nivel de inflamación, claves
A metodoloxía consiste, en primeiro lugar, na marcaxe radiactiva do adalimumab, e posteriormente, no seguimento en tempo real da cinética do fármaco dentro do corpo mediante técnicas de imaxe molecular, en concreto, a tomografía por emisión de positróns.
“Traballamos especificamente no caso da enfermidade inflamatoria intestinal, e estudamos como se distribúe este principio activo cando se administra por vía intravenosa e subcutánea. Tamén estudamos como afectan a esta distribución do fármaco os diferentes niveis de inflamación que poden estar presentes en distintas situacións”, afirma Codesido. Os resultados do estudo mostran que a cantidade de adalimumab que alcanza o colon é altamente dependente da vía de administración e do nivel de inflamación, sexa sistémica ou local.
Así, unha administración subcutánea do fármaco pode verse altamente afectada polos niveis de inflamación sistémicos e dificultar enormemente a súa chegada ao colon. Pacientes con altos niveis de inflamación sistémica estarían nunha situación moi desfavorable respecto a pacientes que presentan una inflamación más local. “Con isto demostramos que a eficacia terapéutica do adalimumab pode verse alterada para cada situación, e deberiamos optimizar a súa administración para cada paciente”, matiza Codesido.
En conclusión, a vía pola que se administra o adalimumab e o nivel de inflamación no corpo determinan enormemente a cantidade de fármaco que chega ao colon. O uso desta novidosa metodoloxía podería axudar no deseño e na optimización de novos fármacos no nivel preclínico, coa finalidade de dispor de fármacos para pacientes con enfermidade inflamatoria intestinal que se dirixan de forma máis eficaz e específica ao colon, aumentando así a súa eficacia.