O proxecto ‘Cantigas de Romaría’ revisa as composicións medievais e xeolocaliza os lugares que mencionan

O proxecto ‘Cantigas de Romaría’, presentado este martes no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, combina o estudo das cantigas de amigo, o maior corpus de poesía en voz feminina da Idade Media europea, coa xeolocalización dixital, ofrecendo unha nova perspectiva sobre as setenta e nove composicións coñecidas como cantigas de romaría ou de santuario. No acto participaron as catedráticas da USC Mercedes Brea e Pilar Lorenzo Gradín, o profesor titular de Estudos Hispánicos na East Carolina University, Juan Escourido, da ECU, e o secretario xeral da Lingua da Xunta, Valentín García Gómez.

As cantigas de romaría remiten a igrexas, capelas e ermidas, evocando un pasado festivo vinculado á devoción relixiosa, como segue a acontecer nas romarías e festas patronais de hoxe. As localizacións referidas nas cantigas de romaría, conservadas principalmente no Pergamiño Vindel e nos cancioneiros da Biblioteca Nacional de Portugal e da Biblioteca Vaticana, levan décadas sendo obxecto de debate.

Referencia
A nova plataforma dixital, froito dunha colaboración de Humanidades Dixitais entre a Universidade de Santiago de Compostela e a East Carolina University, pretende servir de referencia no campo de estudos deste corpus; ademais, permitirá explorar mapas interactivos, textos orixinais, datos históricos e fotografías actuais dos lugares mencionados nestes poemas, ampliando a comprensión do patrimonio cultural ibérico.

Dirixido a estudantes, docentes e persoas investigadoras e interesadas no patrimonio cultural ibérico, o novo recurso electrónico busca ampliar o acceso a este legado, situando a lírica medieval nun contexto global grazas a un recurso multilingüe, en galego, castelán e inglés. A localización dos lugares sagrados mencionados nos textos e as fotografías dos mesmos pretenden achegar os espazos reais daquela ‘poesía de santuario’, coa intención de que se poidan visitar, e observar a transcendencia de sitios que gozaron dun recoñecemento colectivo. Co paso do tempo, nalgúns casos conservárono a través dos séculos e noutros perdérono, para ser só identificados a nivel local e para caer, en ocasións, no esquecemento e no abandono.

Lírica Galego-Portuguesa
A plataforma dixital foi creada no marco do proxecto Lírica Galego-Portuguesa do Centro Ramón Piñeiro para ser unha ferramenta que promova a aprendizaxe da lírica trobadoresca desde perspectivas de estudo complementarias, unha referencia no campo de estudos da poesía de romaría e unha entrada ó coñecemento do patrimonio galego para novas audiencias. Ademais, aspira tamén a preservar e difundir o patrimonio cultural (material e inmaterial) de Galicia, ao permitir que tanto especialistas como público en xeral participen do coñecemento das cantigas seleccionadas dunha maneira que sería difícil acadar mediante medios tradicionais.

Na plataforma atópanse os textos e autores das cantigas de romaría; táboas cos íncipits dos poemas e as súas localizacións nos manuscritos, vinculados á Base de Datos da Lírica Profana Galego-Portuguesa MedDB; mapas interactivos e fotografías orixinais dos lugares mencionados nas composicións; e unha bibliografía de referencia para quen desexe afondar no coñecemento das cantigas de romaría.

A colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela e a East Carolina University reforza a relevancia internacional do proxecto e subliña o seu potencial para conectar audiencias de diferentes países co patrimonio galego.