Sumo Valor dará pulo ao Programa de axudas a persoas procedentes de Palestina e outras zonas en conflito da USC

Lugo,
Santiago de Compostela

A USC reforza o seu Programa de axudas a persoas procedentes de Palestina e outras zona de conflito a través do programa de micromecenado Sumo Valor, un instrumento de microdoazón que reforza a conexión da USC coa sociedade. Deste xeito, a cidadanía faise partícipe do desenvolvemento da investigación e do coñecemento xerado dende a institución, así como das súas accións de cooperación. 

Dende o curso 2016-2017 a USC promove, actualmente a través da súa Vicerreitoría de Titulacións e Internacionalización, o Programa de Axudas para Persoas Procedentes de zonas en Conflito. Este programa dota de axudas de 12 meses de duración para estudantes de grao, mestrado e doutoramento, proporciónandolles ás persoas beneficiarias cobertura total dos gastos de matrícula para un curso académico, unha asignación mensual para gastos de mantenza, aloxamento gratuíto no Sistema Universitario de Residencias da USC e a realización de dous cursos semestrais de galego ou español no Centro de Linguas Modernas. 

Ata o curso 2021-2022 este programa ofrecía dúas axudas por curso académico pero dende o curso 2023-2024, grazas á colaboración do Consello Social, as axudas aumentaron de xeito significativo. No presente curso académico a USC ofertou 12 axudas, cun investimento total duns 120.000 euros. As persoas beneficiarias do programa proceden de Cuba, Líbano, Palestina, Rusia, Ucraína e Venezuela. 

“A posta en marcha e o mantemento de xeito ininterrompido dende o ano 2016 deste programa é unha proba palpable do compromiso social que caracteriza a USC”, destaca a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso. “Albergamos moita satisfacción polo funcionamento do programa que permite que estudantado estranxeiro que non pode continuar coa súa formación académica nos seus países de orixe teña a oportunidade de facelo na nosa Universidade, no marco da política que desenvolve a USC en materia de cooperación internacional”, engade López Couso. 

Como facer doazóns

Enténdese por microdoazón a liberalidade ou dación dunha cantidade monetaria ou dun ben, tanxible ou intanxible, sempre que a cantidade ou o valor do ben non supere os 3.000 euros. As achegas que se realizan teñen dedución fiscal. Para as persoas físicas ou xurídicas que queiran facer unha microdoazón, a USC pon á súa disposición un formulario en liña.

A USC puxo en marcha a finais de 2019 o programa de micromecenado Sumo Valor co obxecto de crear un espazo de encontro que implicase a empresas, institucións e sociedade nas actividades, proxectos e servizos que a universidade desenvolve en materia de investigación, cultura ou deportes, entre outros ámbitos. Entre as iniciativas que se levaron a cabo, atópase unha campaña de promoción da investigación sobre a COVID-19 que se levou a cabo durante a pandemia.