462 estudantes da UVigo, 239 do campus de Vigo, 123 do de Ourense e 100 de Pontevedra, cursarán parte ou a totalidade deste curso 2024-2025 nunha universidade estranxeira. A través de programas como Erasmus, ISEP, GE4 ou de bolsas propias da Universidade de Vigo, 275 mulleres, 183 homes e catro persoas que non se identifican cos xéneros anteriormente citados, decidiron abandonar as aulas dos campus de Ourense, Pontevedra e Vigo e continuar os seus estudos en universidades de países tan diversos como Corea, Letonia, Turquía, Colombia, Alemaña, México, EE.UU, Romanía ou Arxentina.
A maioría do alumnado, que contou co asesoramento da Oficina de Relacións Internacionais da UVigo para marchar ao estranxeiro, fíxoo a través do programa Erasmus, 434 (256 mulleres, 174 homes e 4 sen xénero determinado); outros 20 con bolsas propias ou accións como a KA131; seis con ISEP e outros dous con GE4. Os e as beneficiarias de bolsas propias son 13 mulleres e sete homes, dos que 15 son do campus de Vigo, tres de Ourense e dous de Pontevedra. Neste caso, a Facultade de Ciencias do Mar do campus de Vigo é o centro que máis alumnado enviou con esta acción que ten como destinos Colombia, Arxentina, Chile, China, Corea, México e Uruguai. No caso do ISEP, dos seis participantes que viaxan a EEUU, cinco son mulleres e un, home, e por campus, catro son do de Ourense e dous de Vigo. Co GE4 dous estudantes viaxaron a Alemaña, unha alumna e un alumno, ambos estudantes da EEI do campus vigués.
“Estamos contentos porque se van recuperando as cifras anteriores á pandemia”, asegura a vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo, que confirma un cambio de gustos do alumnado, que se traduce nun significativo incremento da mobilidade nacional, mentres que nas cifras dos Erasmus “aínda se miran os efectos do medo á guerras, á pandemia”. Isto sumado a un cambio de gustos das mocidade fan que desde a Vicerreitoría se traballe para que se animen porque,“a experiencia internacional cambia forma de ver o mundo, de relacionarse e a mellorar a posible empregabilidade. Desde todos os puntos de vista é unha experiencia que non se debe perder”, asegura. Del Pozo destaca a calidade dos convenios que a UVigo ten asinados con prestixiosas universidades, así como a novidade de que “o programa Erasmus permite reservar un 20% para países de fóra do Espazo Europeo de Educación Superior que se atopan en América latina, cos que temos convenios, ou en Asia”.
Destinos favoritos e centros co alumnado “máis viaxeiro”
Un ano máis, Italia é o destino favorito do alumnado da UVigo, que suma 135 estudantes no país transalpino; seguido de Polonia con 60; Portugal con 54; Alemaña con 30 ou República Checa con 20. Fóra de Europa, EEUU con seis estudantes é o destino que máis alumnado concentra este curso, seguido de México con cinco e Corea con catro, China con tres e Arxentina con dous.
Por campus, no caso dos Erasmus, no de Ourense, de onde viaxaron aos estranxeiro 116 estudantes, as facultades de Educación e Traballo Social con 32 alumnos, a Escola Superior de Enxeñaría Informática con 22 e as facultades de Ciencias Empresarias e Turismo e Relacións Internacionais con 16, son os centros que máis alumnado enviaron ao estranxeiro. No caso do campus de Pontevedra, que enviou 98 estudantes ao estranxeiro, sitúanse en primeiro lugar as facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e a de Comunicación con 39 estudantes, cada unha, seguidas de Belas Artes con 14. No caso do campus de Vigo, con 220 estudantes saíntes, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais é o primeiro centro “exportador” de alumnado este curso con 49 estudantes, mentres que Filoloxía e Tradución é a segunda con 34 e a Escola de Enxeñaría Industrial a terceira con 30.
Do total de Eramus, 196 cursan en países estranxeiros o primeiro cuadrimestre, 184 o segundo e 51 o curso completo.
Experiencias en primeira persoa en EEUU, Portugal e Turquía
Alfonso García Cruz, redondelano de 21 anos e estudante do Grao en Economía no campus de Vigo viaxou en Beloit, Wisconsin, EEUU cunha bolsa ISEP. “Un sitio moi verde e que se me asemella moito a Galicia”, asegura, “unha cidade pequena duns 30.000 habitantes, dos que 1000 somos alumnos da universidade”. Alfonso destaca o gran sentimento de comunidade que existe entre o alumnado, o que facilita as relacións da amizade e a intensa vida social con clubs, obras de teatro, festas, etc. “Pola contra, o menos me gusta é o horario americano nas comidas. Aquí cómese sobre as 12, pero o peor é que se cea sobre as 6 ou 7 da tarde, pero bueno se tes algúns snacks no cuarto, xa non tes moito problema”, explica este mozo que recomenda ao alumnado da UVigo vivir esta experiencia que cualifica de “espectacular”. Así mesmo destaca as boas comunicación que ten Beloit con Madison, a capital do estado, e con Chicago, onde é posible chegar en pouco máis dunha hora en autobús.
Adhara Calvo é unha moza de O Porriño de 25 anos que estuda o terceiro curso do Grao de Ciencias Ambientais no campus de Ourense que no primeiro cuadrimestre cambiou pola Universidade dos Açores. Recoñece a vantaxe dos estudantes galegos co idioma portugués respecto do resto de alumnado , “aquí xogamos con vantaxe”, nunha rexión que a apaixona, “é un destino idílico se che gustan os plans low energy: rutas pola natureza, cascadas, ir á praia en calquera momento”, praias onde auga, confirma, está sempre morna e na que destaca a diversidade de especies, en especial de crustáceos. Adhara está alugada na capital e sobre a Universidade dos Açores asegura que “aínda que as clases son en inglés e en portugués lévanse bastante ben. E case todas as materias avalíanse por traballos ou tests”. Os prezos son o único aspecto desta experiencia que decepcionou a Adhara, que pensaba que todo sería máis barato “e é igual ou máis caro que o resto. Os alugueiros son delitivos, superando os 1000 euros na maioría das vivendas e os prezos nos supermercados, ao ser todo importado, tampouco axudan”. Pola contra, tanto o prezo do alugueiro de vehículos para visitar a illa, como o do transporte público é bastante económico “sobre 50 céntimos por persoa”, así como o da residencia na que se aloxa na que paga 145 euros mensuais. “Polo de agora está a ser unha experiencia marabillosa, tanto pola illa, como pola xente que coñecín”, asegura.
Gabriel Rodríguez Valverde é un estudante de Gran Canaria de cuarto curso do Grao en Enxeñaría Aeroespacial do campus de Ourense que se atopa en Ankara, a capital de Turquía, co programa Erasmus. “Elixín estudar na Türk Hava Kurumu Üniversitesi porque quería ter unha experiencia distinta, coñecer diferentes culturas e ter ese momento chocante de coñecer xente que vén da parte asiática e do este de Europa. A xente é súper amable e hospitalaria e é moi fácil facer amigos”, detalla Gabriel para quen o aspecto máis negativo é a lentitude dos trámites administrativos. Entre os aspectos máis positivos da súa estadía en Ankara o estudante de Enxeñaría Aeroespacial destaca “o tempo, a comida e que a xente é moito máis aberta do que agardaba”.