Lugo
Aínda é posible presentar candidaturas á vixésimo quinta edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, convocado pola Universidade de Santiago de Compostela e o Grupo Aresa, para recoñecer proxectos que son claves na creación de emprego e riqueza nos ámbitos agrícola e/ou gandeiro “como elementos fundamentais para mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas que viven e traballan no medio rural”. O galardón conta cunha dotación de 10.000 euros e un diploma de mérito. De acordo coas bases, as candidaturas deberán presentarse antes do día 10 de xaneiro de 2025.
O certame diríxese a empresas, grupos de investigación, asociacións ou calquera outra entidade “que contribúa ao desenvolvemento da economía rural galega”. Poden concorrer ao certame proxectos de actividade empresarial, é dicir, aquelas iniciativas que aínda estean en fase de proxecto pero que teñan definidas as súas liñas de actuación e de implantación no mercado; ou iniciativas empresariais innovadoras en calquera das súas fases de desenvolvemento, así como empresas xa consolidadas. Nos dous casos, a candidatura terá que ser presentada coa documentación xustificativa da adecuación á finalidade do Premio, así como con calquera outra que se considere necesaria para demostrar os seus méritos. Incluirase un resumo dunha extensión máxima de dúas páxinas.
Tamén poden concorrer ao certame traballos de I+D+i que serán orixinais, de aplicación práctica nos sectores agrícola, gandeiro ou agroalimentario galegos, ou que supoñan unha contribución notoria ao desenvolvemento rural. As memorias presentadas non poderán superar nunca as cen páxinas e incluirán un resumo dunha extensión máxima de dúas páxinas. Entregarase canda elas un currículo das persoas autoras, ademais de calquera outra documentación que se considere de interese e que teña relación co traballo presentado.
Na análise das candidaturas, o xurado prestará especial atención aos proxectos que xeren postos de traballo e valor engadido. Por isto, valorarase principalmente a viabilidade económica, a creación de postos de traballo, especialmente no rural; a posta en valor dos produtos da terra; os proxectos que supoñan a recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais que teñan potencial de desenvolvemento; e a innovación de produtos ou métodos produtivos.
A presentación das candidaturas, acompañadas dos traballos e outra documentación xustificativa, farase no rexistro electrónico da USC e nas Oficina de asistencia en materia de rexistros dos campus universitarios de Lugo ou de Santiago. As candidaturas deben ir dirixidas á Vicerreitoría de Organización Académica e do Campus de Lugo.
O reitor da USC, Antonio López Díaz; o vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo, Francisco Fraga López; o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, ou a persoa na que delegue; o CEO de Torre de Núñez, José Manuel Núñez Torre, e o ex reitor, director do CiTIUS e catedrático da USC, Senén Barro, integran o xurado que emitirá o ditame do galardón.
Anteriores edicións
Na traxectoria deste galardón, que xa acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (2002), o exdirector xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega (2018), a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, Asoporcel, (2019), Cooperativa A Carqueixa (2020), EFA Fonteboa (2021), Casa Grande de Xanceda (2022) e a Moexmu (2023).