Premio no congreso EMEC24 a unha comunicación presentada desde a USC sobre novos contaminantes

Un póster presentado desde a USC obtivo o premio á mellor comunicación nese formato na categoría de investigadores xoves na 24 edición do European Meeting on Environmental Chemistry (EMEC24), un congreso internacional de química medioambiental. A autoría do traballo correspóndelle ao investigador predoutoral Andrés Duque Villaverde, que presentou a comunicación e que está a realizar a tese na Facultade de Química, así como a Daniel Armada e María Llompart da mesma Facultade e do CRETUS da USC, e a Thierry Dagnac, do centro de investigación AGACAL-CIAM da Coruña.

O traballo, titulado ‘Presence of 6PPD, 6PPD-quinone and other hazardous compounds in tire rubber particles from recreational surfaces’, investiga “a presenza de novos contaminantes emerxentes de grande actualidade en superficies deportivas e lúdicas construídas con granulado de caucho, que se obten do triturado de pneumáticos fóra de uso como unha forma de reutilización”, segundo explica Andrés Duque.

O investigador lembra que “algúns destes contaminantes son o antiozonante 6PPD e o seu produto de transformación a 6PPD-quinona, relacionados coa morte de especies acuáticas a concentracións moi baixas. Trátase dun estudo moi amplo no que se inclúen, entre outros, mostras de granulado de caucho que proceden de campos de fútbol de herba artificial e de parques infantís. A 6PPD-quinona foi detectada na práctica totalidade das superficies analizadas”.

Este estudo foi publicado este ano na revista internacional medioambiental ‘STOTEN’ baixo o título ‘Recycled tire rubber materials in the spotlight. Determination of hazardous and lethal substances’. Conforma indica Andrés Duque, “todas as substancias químicas estudiadas pódense considerar ubicuas, xa que foron atopadas nas mostras procedentes de distintos contornos coma o deporte, lecer, tráfico ou agricultura, o que facilita a súa dispersión cara a distintos compartimentos medioambientais”.

A investigación desenvolveuse no marco do proxecto TIREPRO PID2022-140148OB-I00, financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.