A décima edición dos Premios de Investigación en Economía de Galicia Valentín Paz Andrade, convocados conxuntamente polo Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC e o Consello Económico e Social de Galicia (CES), xa ten gañadores logo de que o xurado se reunise en San Xerome este luns para examinar todos os traballos.
Estes galardóns recoñecen investigacións -nas categorías de artigos e teses de doutoramento- que contribúan ao mellor coñecemento da realidade económica e social de Galicia e ao establecemento das mellores políticas para o benestar dos seus cidadáns. Consta
Na modalidade de traballos publicados en revistas científicas ou en editoriais recoñecidas, o xurado decidíu por unanimidade premiar o artigo Estimating illegal catches in data-poor S-fisheries: Insights from multispecies shellfish poaching in Galician small scale fisheries, da autoría de Hugo M. Ballesteros, Eduardo Sánchez Llamas E Gonzalo Rodríguez Rodríguez e publicado este ano na revista Marine Policy.
Ademais do rigor académico, do artigo destaca a relevancia da temática e a novidade de abordar un estudo sobre o furtivismo no sector marisqueiro no litoral galego. Trátase dunha análise cuantitativa robusta dun conxunto de actividades opacas, de difícil contabilización pola economía formal, e que necesitan ser coñecidas en profundidade. Para o xurado, “os estudos que axuden a comprender actividades económicas dificilmente observables en actividades como o marisqueira, que na actualidade mostra problemas ambientais e de decrecemento dos seus rendementos, permite sentar as bases dun modelo de desenvolvemento sustentable, necesario para as nosas áreas costeiras”. Conclúen os membros do tribunal deliberador que “a análise científica do furtivismo constitúe unha aposta innovadora, que neste traballo se basea nunha investigación ben fundamentada teoricamente e apoiada en múltiples datos”.
Nesta mesma categoría o xurado coincidiu en outorgar un accésit ao artigo Because of its size, it’s not worth it!’: The viability of small-scale geographical indication schemes, de Rubén Boga e Valerià Paül e publicado na revista Food Policy. O xurado destaca do traballo, que aborda o estudo comparativo de dúas Indicacións Xeográficas Protexidas de queixo de Galicia e Eslovenia, “a súa sólida fundamentación e o manexo excelente das técnicas cualitativas de análise”.
Xa na modalidade de teses de doutoramento o premiado foi Fernando de la Torre Cuevas pola súa investigación Expanding hybrid approaches to construct (Inter)regional input-output models. O xurado estimou “a calidade metodolóxica da investigación, que combina dous modelos de análise clásicos en economía, pero ben diferenciados”. Por unha banda, abórdase un estudo teórico baseado na economía rexional, “cun manexo moi destacado dos conceptos e das últimas actualización rexistradas neles”. Por outra, a tese trata na segunda parte unha aproximación de base matemática, “complexa e impecable”, ao cálculo das táboas input-output de alcance rexional. “Isto é, a tese consegue despregar os dous sistemas analíticos máis arraigados nas ciencias económicas, en principio diferenciados, pero que logra manexar con extraordinaria coherencia ao logo de todo o traballo”, conclúe o xurado.
O xurado
As persoas que participaron este luns na reunión do xurado foron o reitor compostelán Antonio López, que presidiu; o presidente do Consello Económico e Social de Galicia, Manuel Pérez; a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo Barrera; o director do IDEGA, Rubén C. Lois González; o secretario xeral do Consello Económico e Social de Galicia, Manuel Martínez Varela; o catedrático emérito da Universidade da Coruña, Fernando González Laxe; e o decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, Xoán R. Doldán García.