O Observatorio Astronómico da USC organiza en Portugal as XXIII Xornadas de Traballo en Mecánica Celeste

Persoal investigador de Brasil, Chile, Italia, Estados Unidos, Portugal e Rusia así como de toda España asiste a partir deste xoves 26 na localidade portuguesa de Vila Nova de Cerveira ás XXIII Xornadas de Traballo en Mecánica Celeste, que organiza o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC.

Estas xornadas foron unha iniciativa do Grupo de Mecánica Espacial da Universidade de Zaragoza e son xa un clásico no panorama científico español, como punto de encontro dos distintos grupos que traballan coa Astrodinámica, dende a astronomía á computación, pasando pola enxeñaría ou os sistemas dinámicos. Do mesmo xeito, o persoal investigador novel dispón dun foro onde comunicar os resultados das súas investigacións.

Cada edición desta cita científica organízaa unha universidade ou grupo de investigación, e é xa a sexta ocasión na que a responsabilidade recae no Observatorio Astronómico da USC que liderou as de Rianxo (2005), Lalín (2009), Ribadeo (2014), Santiago de Compostela (2018) e Sanxenxo (2022).

A organización do encontro conta co apoio do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades; do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia; da Xunta de Galicia; do Concello de Vila Nova de Cerveira e da Real Academia de Ciencias de Zaragoza.