O estudantado de Enfermería impulsa a participación comunitaria e a equidade en saúde

Santiago de Compostela

Estudantes da materia de Enfermería Familiar e Comunitaria de segundo curso do Grao en Enfermaría participaron estes meses no proxecto de Aprendizaxe-Servizo ‘Activando a Comunidade’ coordinado pola profesora Ainara Díaz Geada e dirixido a promover a participación comunitaria e o apoderamento en saúde de persoas migrantes.

A Aprendizaxe-Servizo, como metodoloxía de innovación docente que integra a aprendizaxe académica co compromiso social, permitiu a este estudantado traballar directamente coa comunidade en catro municipios galegos con características territoriais moi diversas: Dodro, Lugo, Ordes e Santiago de Compostela.

A intervención comezou cunha diagnose comunitaria participativa, na que o estudantado identificou a influencia dos determinantes sociais na saúde, analizou e priorizou as necesidades e deseñou intervencións comunitarias desde as perspectivas da interculturalidade crítica e interseccionalidade. Estas accións contribuíron a mellorar o acceso á educación para a saúde e a fomentar a participación activa da poboación destinataria no coidado da súa saúde.

Da experiencia, o estudantado destaca que ademais de promover a equidade e a xustiza social a través da saúde comunitaria, desenvolve competencias esenciais para a súa futura práctica profesional, incluíndo habilidades comunicativas e competencias culturais e de traballo en rede. Tal e como apunta Ainara Díaz, “a auto-avaliación do estudantado amosa unha evolución positiva na comprensión de conceptos chave como a enfermaría transcultural, os modelos de activos en saúde e a equidade en saúde así como unha elevada satisfacción coa intervención realizada”.

A iniciativa forma parte do proxecto europeo Mobilising university-community resources through SL(M) for the inclusion of migrants/refugees e desenvólvese co apoio de organizacións colaboradoras como Arraianas, Médicos do Mundo Galicia, ASDEGAL, Cruz Vermella Lugo e Andaina pro Saúde Mental. En concreto, este proxecto reforza o valor do ApS como ferramenta transformadora na formación universitaria, evidenciando que a integración de metodoloxías activas e comprometidas coa realidade social contribúe a formar profesionais máis preparados, sensíbles e comprometidos co seu contorno.