O Galiverso abre unha nova montaxe de realidade virtual que fai accesibles marabillas arqueolóxicas e naturais de Galicia modeladas pola pedra

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2024

O Galiverso, proxecto de realidade virtual impulsado pola Xunta de Galicia, estrea unha nova experiencia que achega ao público marabillas naturais, arqueolóxicas e históricas de Galicia nos que a pedra é a protagonista. O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participaron hoxe na presentación do novo Galiverso no corazón da pedra, que pode visitarse a partir desta tarde na Cidade da Cultura e do que tamén poderá gozar o público que esta fin de semana se achegue a Culturgal, no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Afloramentos graníticos, praias de area negra creadas pola erosión de antigos glaciares, ventos e mareas, covas prehistóricas, arte rupestre, petróglifos e xacementos romanos forman parte desta nova experiencia dispoñible de martes a domingo, de xeito gratuíto, reservando praza no Museo Centro Gaiás ou en Ataquilla. A idade mínima para colocarse as lentes de realidade virtual é de 8 anos e os menores de 12 deben acudir acompañados por unha persoa adulta.

López Campos subliñou a relevancia do Galiverso como “exemplo do bo uso da tecnoloxía co fin de sortear barreiras no acceso ao patrimonio para todas e todos os galegos”, na liña dos valores promovidos pola nova Lei de cultura inclusiva e accesible aprobada no Parlamento Galego. Desde que hai dous anos se abriu a primeira instalación no Museo Gaiás, son xa máis de 19.100 persoas as que puxeron as lentes de realidade virtual.

Pola súa banda, Román Rodríguez fixo fincapé no crecemento dun proxecto “cun enorme potencial pedagóxico que chegará a todos os centros de Secundaria de Galicia a través dos Polos Creativos”. De feito, o Galiverso deuse a coñecer este ano tamén na feira SIMO Educación, un dos eventos máis importantes no eido da tecnoloxía para os profesionais do ensino en España.

Xacementos prehistóricos

A realidade virtual permitirá ao público visitar sen risco lugares nos que resulta imposible entrar, como Cova Eirós, un dos xacementos prehistóricos máis importantes de Galicia, no que hoxe só pode internarse persoal investigador. Tamén enclaves de acceso complicado, como a espectacular cova do Rei Cintolo coas súas formacións de estalagmitas e estalactitas ou o areal de Teixidelo, a única praia de area negra no mundo de orixe non volcánica, á que se baixa seguindo un empinado sendeiro desde os acantilados de Vixía Herbeira na Serra da Capelada.

Para conseguir trasladar estes lugares á contorna dixital, contouse coa colaboración dos arqueólogos e historiadores do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CiSPAC) Arturo de Lombera Hermida e Tania Mosquera Castro, tamén presentes no acto, así como con especialistas da asociación de espeleoloxía encargada de realizar as visitas á cova do Rei Cintolo, que fixeron de guías e axudaron a documentar de maneira rigorosa cada un dos espazos.

En total son sete os enclaves que se poden visitar nesta sexta montaxe do Galiverso: a Cova Eirós e a cova do Rei Cintolo na provincia de Lugo; a praia de Teixidelo en Cedeira, o petróglifo do Castriño de Conxo en Santiago de Compostela, o xacemento romano de Aquis Querquennis en Bande (Ourense), o Penedo de Noiteboa no Porriño e a Escola de canteiros de Poio.

Elementos interactivos

O Galiverso caracterízase por favorecer un uso intuitivo das novas tecnoloxías, a través de mans virtuais e xestos que imitan a maneira de coller e mover os obxectos no mundo real. Ademais, os elementos interactivos están deseñados para facer máis interesante e espectacular a experiencia.

Na Cova Eirós, por exemplo, as pinturas rupestres e petróglifos inscritos nas paredes de rocha ilumínanse ao tocalas para que sexa máis sinxelo apreciar as súas formas. Ao fondo da gruta, vese durmir un enorme oso das cavernas como os que habitaban este lugar no Plistoceno, recreado cunha animación en 3D hiperrealista.

Tamén a interactividade permite explicar de maneira visual cales son os minerais que compoñen o granito rosa típico da zona do Porriño, e apreciar os detalles e características de diferentes pezas de cantería, un dos oficios tradicionais máis antigos de Galicia.