Barcelona, 20 de xuño de 2025
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou este venres na apertura da Festa de Can Mercader organizada pola Agrupación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà, no marco das celebracións locais do municipio. Durante o acto, entregáronse as insignias aos socios que levan 25 anos na entidade, como recoñecemento ao seu compromiso coa colectividade galega en Cataluña.
Miranda agradeceu á directiva e á comunidade galega de Cornellà o labor realizado durante décadas para manter viva a cultura galega fóra de Galicia. Subliñou que entidades como Rosalía de Castro “non só conservan as nosas tradicións, senón que fortalecen os lazos entre as distintas xeracións da emigración”.
O acto contou tamén coa actuación das cantareiras “Rosalieiras” e cun concerto do gaiteiro Carlos Núñez, como parte dun programa festivo que reuniu a centos de persoas no Parque de Can Mercader. Miranda puxo en valor o dinamismo da colectividade galega en Cataluña e o apoio da Xunta a través da rede de centros recoñecidos no Rexistro da Galeguidade.