Pontevedra, 20 de xuño de 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asistiu esta tarde á xornada de inauguración do World Triathlon Multisport Championships, que conta con apoio da Xunta. Diego Calvo desexoulles sorte aos máis de 3.500 deportistas que competirán nas distintas modalidades nun evento que converterá Pontevedra no epicentro mundial deste deporte desde mañá ata o domingo, 29 de xuño.
Na súa intervención incidiu en que esta competición é unha proba máis do recoñecemento internacional ao deporte galego, estandarte de disciplinas como o tríatlon, e reivindicou as figuras de Susana Rodríguez Gacio, bicampeona paralímpica, e Javier Gómez Noya, que actualmente exerce como adestrador do equipo olímpico desta disciplina no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
Respecto as competicións de tríatlon celebradas en Galicia, o conselleiro lembrou que desde 2019 e ata 2026 Pontevedra pode presumir de sede dos maiores eventos mundiais de tríatlon: a gran final do mundial de tríatlon de longa distancia ITU Multisport celebrado en Pontevedra en 2019 coa vitoria de Gómez Noya e o subcampionato de Pablo Dapena e esta nova edición de 2025; así como a Copa do Mundo disputada en 2022 tamén en Pontevedra e que rematou cunha prata para Antonio Serrat. E máis recentemente a final das Series Mundiais de Tríatlon en 2023, que volverá repetirse en 2026.