Lugo,
Santiago de Compostela
Os Premios á Calidade Lingüística son unha iniciativa das comisións de normalización lingüística dos centros da USC para fomentar unha cultura de calidade entre o estudantado ligada ao uso do galego. A través deste certame, a USC premia os mellores traballos académicos de curso, de fin de grao (TFG), así como traballos de fin de mestrado (TFM) escritos no idioma propio da Universidade de Santiago de Compostela. O prazo para participar na categoría dirixida a traballos académicos de curso de grao remata o 31 de xullo, mentres que o de traballos de fin de grao e fin de mestrado esténdese ata o 30 de setembro. Estes galardóns contan co apoio económico da Secretaría Xeral de Lingua da Xunta de Galicia.
Establécense quince premios, acompañados dos correspondentes diplomas acreditativos, que se repartirán por cada unha das grandes áreas de coñecemento (Ciencias da Saúde, Ciencias, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura, e Humanidades). Deste xeito, na categoría de traballos académicos de curso de grao outorgaranse cinco premios de 150 euros, un por cada área de coñecemento; na de TFG, haberá outros cinco premios, neste caso de 300 euros, tamén un por cada área de coñecemento; e na de TFM, cinco premios de 500 euros. Existe a posibilidade de conceder os premios a varios traballos ex aequo; neste caso o importe repartirase a partes iguais. O xurado poderá outorgar ata tres mencións, sen dotación económica, por área de coñecemento para aqueles traballos que teñan unha calidade moi alta pero non cheguen ao premio.
A presentación de candidaturas realizarase a través do Rexistro Electrónico da Sede Electrónica da USC mediante o procedemento ‘solicitude xenérica’. O xurado, formado por tres membros designados polo Servizo de Normalización Lingüística da USC, valorará a corrección lingüística, o emprego acaído da linguaxe de especialidade, a calidade na redacción, a presentación da información e a estruturación do traballo. “As persoas egresadas da Universidade non só deben contar cun nivel axeitado de coñecementos significativos”, explican dende o Servizo de Normalización Lingüística. “Tamén é desexable que teñan desenvolvidas outras destrezas, habilidades e valores: autonomía, pensamento crítico, dominio das novas tecnoloxías…”, engaden. A presentación axeitada dun traballo dende o punto de vista formal –o que abrangue aspectos lingüísticos, de estruturación da información, de redacción, de deseño, ou de coherencia, entre outros-, “é unha habilidade comunicativa que calquera persoa universitaria debería posuír”, conclúen.
