Santiago de Chile, 26 de novembro de 2024
A Xunta de Galicia participa estes días no VI Foro Iberoamericano de Compra Pública de Innovación (CPI) e Innovación Aberta en Santiago de Chile. A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participou na inauguración hoxe e moderou unha mesa redonda sobre experiencias inspiradoras de catro países. A esta cita internacional tamén asisten representantes do Servizo Galego de Saúde (Sergas).
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou que Galicia foi pioneira neste instrumento de contratación en España grazas a un firme apoio institucional da Xunta de Galicia. Precisamente, en 2017 o Goberno autonómico iniciou un programa de fomento da Compra Pública de Innovación, que permitiu impulsar numerosos proxectos, desenvolver actividades formativas e de difusión e poñer en marcha este Foro Iberoamericano de CPI e Innovación Aberta, que celebrou a súa primeira edición en Santiago de Compostela no ano 2018, entre outras.
Desde 2007, Galicia leva executado ou ten en execución proxectos de CPI por importe de máis de 325 millóns de euros e foi merecedora en dúas ocasións do Premio Nacional de Innovación na categoría de CPI.
O Foro, ao que asisten máis de 300 expertos de 20 países, é o espazo de referencia en España e Lationoamérica para o intercambio de coñecemento e boas prácticas e o establecemento de redes de colaboración no ámbito da Compra Pública de Innovación e a Innovación Aberta. Nesta edición, o Foro fai fincapé na capacitación a todos os niveis e a colaboración público-privada para implementar solucións innovadoras. A directora da Axencia Galega de Innovación entregará tamén mañá o premio ao mellor proxecto de CPI, dentro dos II Premios da Ruta da CPI.