O 27 de xuño remata o prazo para presentar candidaturas á oitava edición do Premio Luís Porteiro Garea

Lugo,
Santiago de Compostela

Para recoñecer publicamente o esforzo de persoas ou colectivos a prol da normalización do uso do galego na universidade, a Universidade de Santiago convoca dende hai oito edicións o Premio Luís Porteiro Garea. O vindeiro 27 de xuño pecha o prazo para presentar candidaturas a un galardón que lembra e homenaxea a figura de Garea, profesor da Cátedra de Dereito Civil e membro das Irmandades da Fala que pronunciou o 16 de setembro de 1915 no Paraninfo da Universidade a primeira lección en galego da que se ten constancia.

A convocatoria busca distinguir a iniciativa, o traballo ou a traxectoria daquelas persoas, entidades ou colectivos, tanto actuais como pasadas da USC, que contribuíran á normalización da lingua galega na propia USC ben polo emprego habitual da linguas nas actividades cotiás da universidade especialmente cando fora de forma pioneira; ben pola achega á promoción do idioma ou á galeguización de ámbitos ou actividades concretas; polo estudo e difusión da lingua; ou calquera outra intervención no proceso de normalización lingüística na USC.

As candidaturas poden ser propostas por calquera persoa, entidade ou colectivo dirixidas ao Servizo de Normalización Lingüística a través do rexistro electrónico da USC.  O premio terá carácter de distinción pública que se entregará nun acto público a desenvolver arredor do mes de setembro coincidindo co aniversario da lección pronunciada polo profesor Porteiro Garea.

O galardón recoñeceu xa a traxectoria na promoción do galego na USC de Manolo Bermejo, José Antonio Gómez Segade, Antón Costa, Antonio Rigueiro, Xosé Manuel Beiras, Margarita Ledo Andión e Marilar Aleixandre.

Cartel do premio
Cartel do premio