Lugo,
Santiago de Compostela
O Demo Day do Programa Explorer é a xornada de presentación dos proxectos de emprendemento universitario que, logo dun período de 12 semanas de formación liderada dende a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC, lograron acelerar a maduración das súas ideas emprendedoras, identificar puntos críticos e definir estratexias de desenvolvemento. A sesión que tivo lugar nos campus de Lugo e de Santiago de Compostela, permitiu que un xurado especializado valorase cada unha das presentacións.
No caso do Lugo Explorer Space, o xurado outorgou o primeiro premio ao proxecto ‘Mundo Mullu’, que se basea en peluches terapéuticos de animais en perigo de extinción que ofrecen propiedades térmicas calmantes e facilitan o desenvolvemento motor e sensorial da cativada. Pola súa parte, no Santiago Explorer Space, o proxecto ‘Steri Food&Health’ situouse no primeiro posto ao trazar unha solución tecnolóxica avanzada en procesos de desinfección e esterilización na industria alimentaria.
‘Mundo Mullu’, desenvolvido por estudantado da Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC, baséase en peluches recheos de sementes terapéuticas e material sensorial co que se pretende dar pulo “á creación de conciencia ambiental e ensino de autocuidado e benestar emocional”, explican María Fernández Alonso, Teo Espinoza García, Alejandro Morquecho Ortiz e Bruno Leonel Ramírez, promotores do proxecto. Os fluídos supercríticos están na base de ‘Steri Food&Health’, proxecto liderado por de María Carracedo Pérez e Clara López Iglesias co que se quere impulsar un “novo estándar en procesos de desinfección e esterilización na industria alimentaria”, destacan.
Moda sustentable e detección de enfermidades
No Lugo Explorer Space do Campus Terra, tamén resultaron distinguidos os proxectos ‘Yita Patiño’ (segundo premio) e ‘VISUVAC’ (terceiro premio). O primeiro deles, liderado por Estrella Patiño, baséase no deseño e creación de complementos upcycling exclusivos e atemporais a través de refugallos de teas, dead stock de marcas e pezas en desuso, dando unha segunda vida ás pezas a través da filosofía slow fashion. Finalmente, ‘VISUVAC’, liderado polo estudante de Veterinaria, Luis Beltrán Gamero, céntrase no deseño e desenvolvemento do dispositivo Smart Vac. Utilizando tecnoloxía de espectroscopía de infravermello próximo, detecta enfermidades metabólicas que reducen a produción das ganderías de vacún leiteiro.
O xurado estivo composto por Mª Elvira López Mosquera, delegada do reitor para Campus Terra; Carmen José López, directora territorial de Lugo da Consellaría de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia; José Luís Villaverde Acuña, director da AVTE da USC; Norman Javier Veiga Álvarez, responsable de Emprendemento do Concello de Lugo; e Icía Rodríguez Anllo, project manager no Lug Open Factory.
Finanzas e benestar cognitivo
O segundo premio do Santiago Explorer Space foi para o proxecto ‘TraDeFi Global’ de José Pereira Cabezuelo. Trátase dunha plataforma que fusiona finanzas tradicionais con activos dixitais innovadores, co obxectivo de democratizar o acceso a investimentos de alto rendemento. A plataforma está deseñada para ser accesible tanto para persoas usuarias noveis e perfís tradicionais como para persoas usuarias avanzadas e institucionais. Finalmente, ‘Diade’, de Mª Cristina Rodríguez Carlín, propón un dispositivo de encefalograma en forma de diadema, acompañado dunha aplicación móbil e unha plataforma de análise de datos, orientado a mellorar o benestar cognitivo e emocional. A súa aplicación vai máis aló do ámbito clínico, incluíndo desenvolvemento persoal, educación, adestramento motriz,ou atención infantil, entre outros aspectos. Este proxecto foi distinguido co terceiro premio no Santiago Explorer Space.
Neste caso, o xurado estivo composto por Luis Otero, delegado do reitor para a Transferencia do Coñecemento; José Luis Maestro, subdirector xeral de Emprendemento da Xunta de Galicia; Óscar Castro, director da Oficina Banco Santander Campus Sur USC; Pablo Mosquera, director de Inversións de Unirisco, e Xoán Ramón Doldán García, decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.
Unha ducia de países
O programa Explorer é unha iniciativa do Banco Santander en colaboración coa USC, a través da AVTE, e a participación activa da Xunta de Galicia. Este programa, con máis de 14 anos de traxectoria e presente en 12 países, está consolidado como unha potente plataforma de impulso ao talento emprendedor universitario a nivel global.