A Rede Galega de Teatros e Auditorios acolle en Ourense a estrea da coprodución luso-galega ‘O grande incêndio’

Ourense, 17 de xuño de 2025

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación da estrea do espectáculo O grande incêndio, coprodución entre a compañía galega Sarabela Teatro e a lusa A Escola da Noite, con sede en Coímbra, que terá lugar o xoves 18 de xuño no Teatro Principal de Ourense no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

A cita forma parte así do circuíto de espectáculos que coordina e cofinancia a Xunta de Galicia cunha programación que ao remate do mes de xuño terá ofrecido 343 actuacións de artes escénicas e musicais maioritariamente galegas en 41 concellos das catro provincias.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude celebrou o formato compartido deste novo proxecto, no que Ánxeles Cuña, directora da formación ourensá, asume a dirección escénica desta montaxe en idioma portugués. Os equipos de Sarabela e de A Escola da Noite colaboran para levar ás táboas o texto do dramaturgo alemán Roland Schimmelpfenning cun elenco integrado por cinco actores e actrices: Ricardo Kalash, Igor Lebreaud, Miguel Magalhaes, María Quintelas e Ana Teresa Santos.

O grande incêndio, que permanecerá no escenario ourensá ata o día 20 de xuño con funcións ás 21,00 h., é unha fábula sobre dúas vilas situadas no val xunto a un regato e separadas por unha ponte. Dunha banda, medran as vides e pola outra pacen bois, vacas, cabalos e ovellas. De súpeto suceden diferentes acontecementos naturais que afectan só a un deses pobos, mentres que o outro entra nun período de prosperidade económica.

Na obra mestúrase o real coa fantasía para apalpar a desigualdade entre ricos e pobres, unha distancia física e emocional que vai medrando segundo avanza a trama.

Jacobo Sutil tamén aproveitou a oportunidade para anunciar que a relación con A Escola da Noite terá continuidade coa celebración da Mostra de Cultura Galega en Coímbra o vindeiro mes de outubro, cunha representación de artes escénicas e doutras actividades que contará co apoio do Goberno galego para a súa organización.

Deja un comentario