Últimos días para concorrer ás Axudas á Investigación sobre o Camiño de Santiago e as Peregrinacións

Santiago de Compostela

A oitava edición da convocatoria de Axudas á Investigación sobre o Camiño de Santiago e as Peregrinacións busca fomentar o coñecemento histórico e actual da Ruta Xacobea, así como promocionar e difundir os valores asociados ás súas diferentes facianas. Deste xeito cómprese coas metas da Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, que xurdiu da colaboración da USC con Turismo de Galicia da Xunta de Galicia. En concreto, convócanse tres axudas para traballos de Investigación sobre o ámbito temático desta Cátedra institucional da Universidade de Santiago de Compostela. O período de execución dos devanditos proxectos será de tres meses. O prazo de presentación de solicitudes remata o 26 de xuño. 

Poderán ser beneficiarias das axudas todas aquelas universidades e entidades que teñan actividade e finalidade investigadora. Cada unha das solicitudes deberá ser presentada por unha única persoa física con capacidade investigadora vinculada ás entidades mencionadas, o que inclúe estudantado de doutoramento, persoal investigador e profesorado universitario, tanto do Estado como estranxeiro, que desenvolva a súa actividade de pescuda arredor do Camiño de Santiago e as Peregrinacións. A devandita persoa actuará como investigador/a principal e será a responsable da execución dos gastos necesarios para o desenvolvemento dos proxectos. Quedarán excluídas desta convocatoria aquelas persoas que xa percibiran axudas financiadas pola Cátedra nos últimos tres anos. As solicitudes presentaranse a través do rexistro electrónico da USC de acordo cos requirimentos establecidos na convocatoria.

Criterios de valoración

O xurado do presente premio estará formado polo director da cátedra, os dous co-directores da cátedra e, se se estima oportuno, por ata dous asesores designados polo director da cátedra en función da lingua na que se presenten os textos. Na valoración das solicitudes terase en conta: a orixinalidade do traballo (25%), as novidades das súas achegas ao coñecemento dos temas estudados (25%), a actualidade e calidade da súa metodoloxía (25%), as calidades formais dos textos, é dicir, calidade da redacción, xeito de presentar e estruturar a información e calidade do aparato gráfico, no caso de existir (15%), e a bibliografía citada (10%).