Anxo M. Lorenzo salienta a contribución ao prestixio e á produción poética en galego dos premios Afundación, cos que colabora a Xunta

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salientou hoxe “a contribución ao prestixio e á produción poética en galego” que representan os Premios de Poesía Afundación, promovidos desde hai máis de vinte anos por esta institución, pola Xunta de Galicia e o Centro PEN Galicia. Fíxoo durante a entrega do galardón da última edición a Miguel Rodríguez Monteavaro, quen gañou co poemario Cortar pescado en Manila, cuxa publicación tamén se presentou neste acto.

Este poemario, que á XXII edición do Premio Poesía Afundación se presentou baixo o lema Penácaros, resultou gañador entre un total de 32 obras inéditas. Ao respecto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude felicitou o gañador por pasar a formar parte “dun selecto grupo” integrados por importantes nomes da poesía galega contemporánea, entre os que apuntou a Rafa Vilar, galardoado na pasada edición, María do Cebreiro, Gonzalo Hermo ou Estíbalez Espinosa.

Precisamente, o director xeral de Cultura salientou a “excelsa calidade” da produción poética en Galicia, “un bo momento que se reflicte nos numerosos premios e recoñecementos, tamén fóra da nosa comunidade”. Neste senso, referiuse ao recente Premio Nacional de Poesía que este ano recaeu en Chus Pato, “sumándose a un galardón que tamén teñen recibido Yolanda Castaño, Olga Novo ou Pilar Pallarés”.

Miguel Rodríguez Monteavaro (Asturias, 1990) é un filólogo, escritor e músico asturiano, profesor da Universidade de Oviedo e conta con multitude de galardóns como o Premio Asturias Joven de Poesía en 2019 pola súa obra Superpoderes. Ademais é integrante de formacións como Caldo & Os Rabizos, Mezá ou Urso Dakoff, entre outras.

Máis de 20 anos de premios

O Premio Poesía Afundación comezou o seu percorrido no ano 2002. Neste tempo resultaron gañadores as e os poetas galegos Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello, Olalla Cociña, Estíbaliz Espinosa, Gonzalo Hermo, Miguel Sande, Oriana Méndez, Medos Romero, Ledicia Costas e Rafa Vilar, gañador da anterior convocatoria.

O galardón implica a publicación do libro na colección Arte de trobar, presentado hoxe, e unha dotación económica de 6000 euros.