Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2025
A Xunta de Galicia ampliará a partir do 1 de xullo a oferta de servizos de transporte interurbano no concello de Cangas do Morrazo. Con isto preténdese reforzar os servizos existentes durante os meses de verán, cando sempre hai máis demanda.
Así, Cangas contará cun autobús adicional de luns a venres para prestarlle servizo ás zonas de praias. Deste xeito, na liña que percorre os lugares de Vilanova, Nerga, O Hío, Liméns e Donón, habilitarase un novo servizo con saída de Cangas ás 16,00 horas. Para a viaxe de volta tamén se amplía unha expedición que sairá de Donón con destino a Cangas ás 20,00 horas.
Nesta mesma iniciativa, a Xunta habilita unha nova expedición todos os días da semana entre Cangas e Bueu para mellorar a conexión entre estes dous concellos na última hora do día. Deste xeito, crearase un novo servizo con saída dende Bueu a Cangas ás 21:30 h.
Estes servizos en tempada estival ofrecen alternativas máis eficaces de transporte público, contribuíndo a reducir os problemas de tráfico e estacionamento asociados aos desprazamentos de lecer nas áreas con maior afluencia de visitantes.
As melloras incluiranse nas concesións que xa operan no marco do Plan de Transporte Público de Galicia. Polo tanto, nestes servizos aplicaranse os descontos e bonificacións activos en todo o transporte público autonómico, polo que os menores de 21 anos poden realizar 60 viaxes ao mes de maneira gratuíta coa Tarxeta Xente Nova, e todas as persoas maiores de 65 anos con tarxeta TMG viaxan de balde grazas á Tarifa +65.
Reforzos de verán
A iniciativa enmárcase no reforzo previsto pola Xunta para este verán co obxectivo de darlle resposta ao incremento de desprazamentos na época estival a espazos naturais; festas, verbenas e festivais; ou a praias e parques acuáticos. Isto suporá a activación desde o 1 de xullo de 22.000 servizos específicos nun total de 90 liñas.
Así, tamén se reforzarán os autobuses na comarca no Salnés e a súa conexión con Pontevedra; os servizos nocturnos durante as fins de semana para poder desprazarse nos traxectos Marín-Pontevedra, Baiona-Vigo e o corredor O Grove-Sanxenxo-Pontevedra, e aqueles especialmente indicados para atender as demandas dos peregrinos. Ademais, prevense servizos e axustes nas Rías Baixas, en concreto, na Illa de Arousa cunha liña de interese municipal (SIMU) para atender a demanda, ao igual que en Nigrán e Sanxenxo.
A información actualizada sobre os servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.