A estudante de Ciencias da Educación Lara Castro Taboada obtén a bolsa Santander Excelencia 360º

Santiago de Compostela

“Este é un recoñecemento a moito traballo e a moito esforzo pero tamén a pasalo ben e a desfrutar probando cousas novas”. Con estas verbas definía a estudante de último curso do grao en Mestre en Educación Primaria, Lara Castro Taboada, o que representa para ela a obtención da bolsa Santander Excelencia 360º. Dotada con 12.000 euros, esta achega é froito do convenio de colaboración entre a USC e a Fundación Banco Santander coa que se pretende promover o mérito académico e a participación activa na vida universitaria do estudantado. A Comisión de selección para a valoración das solicitudes sinalou “o extraordinario estudantado que ten a USC e a súa implicación no desenvolvemento da sociedade, o que augura un bo futuro para o noso país”.

A devandita comisión acordou outorgar o premio a Lara Castro Taboada polos seus méritos académicos e a súa participación e inquedanzas a nivel cultural e social, “o que enriquece e beneficia a nosa comunidade universitaria”. De feito, a mención en educación musical é un elemento fundamental para esta estudante. “A música forma parte da miña vida: escoitala, tocala…”, explica. Este é o motivo polo que lle gustaría conectar a súa vocación educadora co eido musical. “Normalmente esta conexión enfócase dende unha perspectiva moi técnica, a min gustaríame que o uso da música no ámbito educativo se entendese como unha vía de expresión”, matiza.

Á hora de trazar un camiño de futuro, a estudante da USC pensa estudar un mestrado e manifesta o seu interese por coñecer outros países e culturas, así como por profundar en eidos como o da pedagoxía social xa que na súa traxectoria transversal tamén figuran actividades como ter sido monitora de campamento, feito que lle permitiu entrar en contacto con colectivos moi diversos.

Formación integral

A bolsa Santander Excelencia 360º proporciona unha axuda económica en recoñecemento á excelencia académica e a unha formación integral que englobe tamén o emprendemento, a participación en programas de intercambio e coñecemento de idiomas, así como inquedanzas culturais e implicación e preocupación social. Con este obxectivo, convocouse unha praza á que podía optar estudantado matriculado nun grao da USC cun expediente académico excelente e que participara na vida universitaria, cultural e social.

Entre os requirimentos da convocatoria figuraban, ter superados, a data de 1 de setembro de 2024, polo menos 180 créditos da titulación de grao que se estivese a cursar na USC; ter unha media de expediente como mínimo de 8,5; e estar matriculado dun mínimo de 30 créditos durante o curso 2024/2025 nesa mesma titulación. Para resolver a adxudicación tivéronse en conta, ademais do expediente académico e a participación en actividades formativas propias do título e as transversais, a formación integral das persoas participantes.