Lugo,
Santiago de Compostela
A Universidade de Santiago sitúase no décimo primeiro posto do U-Ranking elaborado pola Fundación BBVA e o IVIE, que escruta o desempeño de 72 universidades españolas, 48 públicas e 24 privadas, a partir da análise das actividades docentes, de investigación e innovación así como a inserción laboral das persoas egresadas. Esta nova clasificación vai en liña doutras previas que sitúan a USC no primeiro cuartil das universidades españolas e reafirma a súa posición de liderado dentro do Sistema Universitario Galego.
Esta clasificación identifica a USC entre as oito universidades “punta de lanza do Sistema Universitario Español (SUE) que destacan pola eficiencia no uso dos seus recursos para obter un mellor rendemento, pero tamén polo volume total de resultados”, indica o informe. Xunto a USC figuran neste top universitario a Universitat de Barcelona, as Autónomas de Madrid e Barcelona, a Universitat de València e as Politécnicas de Madrid, Catalunya e València, que segundo o U-Ranking sobresaen “tanto por rendemento como por tamaño e supoñen o 11% do sistema e achegan o 26% dos resultados totais do SUE: o 23% da docencia, o 30% da investigación e a innovación e o 22% dos resultados en inserción laboral.
A USC no top do Estado
Do ránking xeral, que analiza o rendemento en docencia, investigación e innovación e inserción laboral, a USC sitúase no segundo grupo con mellor desempeño, nun posto 11. E de observarse o U-Ranking Volume, que considera o efecto combinado dos resultados de cada universidade e o seu tamaño, a USC atópase nun lugar moi similar: o 13.
Os datos disgregados por dimensións arroxan tamén unha moi boa posición da Universidade de Santiago -un sexto posto-, que destaca polo desempeño investigador situándose só despois da Pompeu Fabra, a Universitat Autònoma de Barcelona, a de Barcelona, a Politècnica de Catalunya e a Rovira i Virgili.
En canto ao rendemento por rama de coñecemento, a Universidade de Santiago destaca na de Ciencias da Saúde, cunha sétima posición de entre todas as universidades españolas analizadas, e na de Enxeñaría e Arquitectura cun posto 8 do total de 72. Nas outras tres ramas de coñecemento, a de Santiago sitúase entre os postos 15 e 18.
Conclúe o informe destacando o liderado en produtividade das actividades de investigación e innovación dalgunhas universidades públicas, entre as que se sitúa a USC só por debaixo das catalás.