O Consello de Goberno centrou a súa sesión na planificación académica e titulacións

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago reuniuse este luns no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome para tratar diversas cuestións, case na súa totalidade referidas a ordenación e planificación académica. Entre outras, tratou o regulamento de asistencia a clase nas ensinanzas oficiais de grao e mestrado que a secretaria xeral da USC, Dulce María García Mella, levou a este órgano de goberno.

O novo regulamento determina no seu primeiro artigo sobre o sistema de avaliación do estudantado que a asistencia a clase se configura “como un dereito/deber, sendo a programación docente de cada materia a que determina e concreta a súa valoración e establece as actividades formativas obrigatorias”. Mais no documento se establece que “o importante” é “valorar os resultados do proceso de aprendizaxe e os coñecementos adquiridos coa asistencia ás actividades presenciais”, algo que virá determinado na programación docente, tanto en termos de avaliación como de xustificación das faltas de asistencia, entre outras.

Noutra orde de cousas, na xuntanza someteuse a aprobación o calendario de Planificación Académica Anual do curso 2025/2026 e a modificación do Regulamento de Planificación Académica, motivada pola actualización da normativa de aplicación, os criterios para o cálculo das reducións da capacidade lectiva das áreas de coñecemento, a entrada en vigor da Lei Orgánica do Sistema Universitario ou o recoñecemento de actividades docentes, investigadoras e de xestión como Horas Docentes Equivalentes (HDE), entre outras cuestións.

A adscrición funcional de materias de grao e mestrado a departamentos e áreas de coñecemento, as propostas de modificacións non substanciais de memorias de grao e mestrado para implantar no curso 2025-2026 e as declaracións de intencións de modificacións substanciais de titulacións de grao, mestrado e doutoramento para o curso 2026-2027 foron outros asuntos da sesión, na que tamén se debateu sobre o Regulamento do TFG do Grao en Xestión Cultural e se elixiu director en funcións do Departamento de Bioloxía Funcional.

Convenios, cursos de estudos propios e memorias e asuntos económicos completaron a orde do día da xornada.