Villares destaca a regulación das coñecidas “demasías” na modificación da Lei de Confrarías de Pescadores de Galicia polos seus efectos positivos na financiación dos pósitos

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, presidiu hoxe un novo encontro con representantes das Federacións de Confrarías de Pescadores para avaliar o grao de execución do Plan de Competitividade e Sostibilidade do Marisqueo en Galicia e analizar posibles novas necesidades do sector susceptibles de ser recollidas en próximas actuacións.

Na reunión o responsable autonómico destacou a regulación das coñecidas como ‘demasías’ na modificación da Lei de Confrarías de Pescadores de Galicia que vai incluída na Lei de Medidas que se está a tramitar xunto cos Orzamentos autonómicos para o vindeiro ano. O obxectivo é que os pósitos poidan contar entre os seus recursos o obtido en primeira venda dos excedentes de marisco que en ningún caso poden superar os topes establecidos no propio plan de xestión ou nas autorizacións mensuais emitidas pola Consellería.

O titular de Mar resaltou as bondades desta medida que mellorará a financiación propia das confrarías para atender as actividades vinculadas cos plans de xestión do marisqueo, favorecendo a súa autonomía económica. Tamén que es te cambio normativo permitirá o desenvolvemento regulamentario desta práctica, permitindo a súa ordenación e aplicación baixo criterios uniformes á vez que aporta transparencia na forma en que cada unha das entidades realiza a xestión de excedentes.

Alfonso Villares, acompañado polo equipo directivo da Consellería do Mar, deu conta ao sector das medidas executadas ou en execución no marco do plan autonómico por valor de máis de 50 millóns de euros en axudas directas, medidas de apoio económico e planificación recollidas no plan dotado con 123 millóns de euros. Cifras que para o titular de Mar reflicten o avanzado grao de execución dos compromisos alcanzados cos máximos representantes do sector pesqueiro.

Así, destacou as achegas autonómicas de carácter extraordinario para profesionais e entidades sectoriais, ás dirixidas ás paradas temporais da actividade extractiva, á xestión integral dos recursos biolóxicos mariños, á protección e recuperación da biodiversidade dos ecosistemas ou os proxectos de planificación, adecuación e mellora das zonas de produción.

Tamén puxo en valor o desenvolvemento de importantes proxectos de investigación mariña a través dos centros de investigación dependentes da Consellería do Mar como o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), o Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) ou o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, así como a través da plataforma Redemar e as universidades galegas co obxectivo de afondar na sostibilidade da actividade pesqueira na comunidade.

Cogobernanza do sector

Esta nova reunión está enmarcada nas xuntanzas periódicas co sector no marco da cogobernanza da xestión pesqueira e marisqueira na comunidade co obxectivo de analizar as medidas en curso así como as pendentes de execución de cara o novo exercicio orzamentario no que a Consellería de Mar contará con 220 millóns de euros, ao redor dun 3% máis que no 2024. Uns recursos que permitirán afondar nas políticas de apoio á actividade extractiva e reforzar as actuacións de apoio postas en marcha durante este ano.