Lugo,
Santiago de Compostela

O Centre for Advanced Studies (CAS) é a principal estrutura de investigación, innovación e transferencia da Universidade Europea para o Benestar (EUniWell) e ten como obxectivo facilitar as colaboracións de investigación e innovación entre a comunidade universitaria da Alianza.

Nese marco, a USC acollerá o primeiro simposio do CAS de Euniwell baixo a temática ‘Innovation on Well-Being for SDGs Achievement’. O evento celebrarase de forma presencial no Campus de Santiago entre os días 24 e 26 de xuño de 2025, aínda que na semana previa están previstos unha serie de encontros en liña orientados á preparación do programa presencial.

O simposio está dirixido a estudantado de doutoramento, persoal investigador júnior e sénior, persoas gañadoras das distintas convocatorias Seed Funding de EUniWell e persoal técnico e de xestión, que poderán presentar os seus traballos de investigación e/ou innovación relacionados co benestar, asistir a outras presentacións e participar en debates sobre os avances máis recentes nos seus respectivos campos.

Nesta cita, a celebrar no CEA da USC, abordaranse temas estratéxicos nos distintos ámbitos de interese de EUniWell e impulsaranse oportunidades de colaboración, co obxectivo final de propoñer novos proxectos de investigación e innovación en torno ao benestar.

A participación neste primeiro simposio é de balde. Para inscribirse cómpre enviar un correo electrónico a euniwell.wp8 [at] usc.gal (euniwell[dot]wp8[at]usc[dot]gal) antes do 20 de xuño de 2025.