A profesora do Instituto de Ciencias Forenses Elena Lendoiro, elixida membro do comité científico da Society of Hair Testing

A profesora de Toxicoloxía do Instituto de Ciencias Forenses da Universidade Santiago Elena Lendoiro Belío acaba de ser elixida membro da Board da Society of Hair Testing (SOHT). O nomeamento tivo lugar durante o congreso anual celebrado en Londres a pasada semana.

A SOHT é unha organización científica de referencia internacional dedicada ao desenvolvemento e estandarización das análises toxicolóxicas en cabelo, unha ferramenta clave na investigación forense. O Board desta sociedade é o órgano responsable de coordinar, establecer e actualizar os criterios científicos para a interpretación das análises de drogas de abuso e fármacos en mostras capilares. Estes criterios son fundamentais para abordar con rigor casos de alta sensibilidade como a submisión química, e o seguimento cronolóxico do consumo de substancias en contextos forenses.

A elección de Elena Lendoiro como membro do Board recoñece a súa traxectoria científica e a súa contribución á toxicoloxía forense no ámbito estatal e internacional e supón ademais un importante apoio ao labor investigador que se desenvolve no Instituto de Ciencias Forenses da USC e reforza a súa proxección internacional.
 

Elena Lendoiro co profesor López-Rivadulla na Royal Society
Elena Lendoiro co profesor López-Rivadulla na Royal Society