Santiago de Compostela
A USC, na súa aposta por promover formas de mobilidade alternativa que redunden en hábitos de vida saudables e sustentables, participa na organización do congreso ibérico ‘A bicicleta e a cidade’ que se desenvolverá en Compostela do 26 ao 29 de xuño. A mobilidade sostible na contorna urbana é o eixo sobre o que pivota este foro que chega xa á súa vixésimo primeira edición.
A participación neste espazo de análise e reflexión engádese ás iniciativas que a Universidade de Santiago de Compostela está a impulsar en materia de mobilidade alternativa. De feito, o delegado do reitor para o Deporte, Javier Rico, dará conta no congreso dos resultados do programa piloto de préstamo éBiCi co que se creou unha frota de bicicletas propia e no que, mediante sinalización específica, se trazou un percorrido que conecta os campus da cidade mediante unha vía de convivencia para bicicletas e outros vehículos.
O piloto serviu para testar o funcionamento do sistema, a intensidade de uso das bicicletas, a duración e distancia dos percorridos empregados, cales son os puntos de recollida máis demandados e mesmo a validez das bicicletas adquiridas coa intención de adaptar a oferta real do servizo ao que demande a comunidade universitaria. A valoración do programa resultou moi positiva ou positiva entre máis do 96% das persoas usuarias e, tal e como destaca Javier Rico, “a ampla demanda e satisfacción deste servizo evidencia a necesidade de amplialo para o que resulta indispensable a colaboración institucional” xa que na actualidade está a ser sufragado pola USC na súa totalidade.
Ademais, nesta mesma liña dos hábitos de vida saudables, a USC sumábase en 2023 ao proxecto Cycling with Clean Air para avaliar a calidade do aire en tempo real a través da medición de partículas PM2,5. En colaboración coa asociación Composcleta, un grupo de persoas voluntarias puideron utilizar un medidor Airbeam3 para o rexistro de datos mentres se viaxa en bicicleta.
Agora, a través da participación neste congreso da Coordinadora Nacional en España (ConBici) e a Federación Portuguesa de Cicloturismo e Utilizadores da Bicicleta (FPCUB) a USC impulsará a análise de todas as liñas de traballo sobre a bicicleta como ferramenta de transformación do entorno urbano: formación e promoción, infraestrutura, lexislación, cicloturismo, saúde, mobilidade e equidade. O Congreso está organizado por ConBici e a Asociación Composcleta co apoio da USC, Concello de Santiago de Compostela e Xunta de Galicia.
Programa
No congreso participarán representantes das máis representativas entidades españolas e europeas no ámbito da mobilidade sustentable, tales como Red de Ciudades por la Bicicleta, Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, RENFE, Centro de Coordinación Eurovelo España, Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, CEREMA (Francia), Red Europea Clean Cities, European Cyclist Federation (ECF) xunto con especialistas de diferentes nacionalidades como Holanda ou Dinamarca. A sede principal do congreso será o Auditorio de Galicia xunto coa Facultade de Filoloxía. Estudantado da USC e residentes en Santiago gozarán de descontos no procedemento da inscrición.