Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2025
A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde pola que se aproba un incremento nas achegas destinadas á prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e agrupacións forestais de xestión conxunta. A nova dotación orzamentaria, que ascende a 5,4 millóns de euros, responde ao elevado volume de peticións presentadas.
A Consellería, a través da Dirección Xeral de Defensa do Monte, destina estas axudas co obxectivo de mitigar as consecuencias e impactos negativos que os incendios forestais poidan ter sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e produción destes montes. En concreto, o orzamento para o ano 2025 ascenderá a tres millóns de euros, grazas a unha ampliación adicional de 500.000 euros, mentres que para 2026 está prevista unha dotación de 2,4 millóns de euros, despois do incremento dun millón de euros.
As accións subvencionadas céntranse no control da biomasa en áreas devasa, devasas e faixas auxiliares de pista. Estas intervencións buscan reducir a carga de combustible presente no monte e establecer zonas con descontinuidade horizontal e vertical, co fin de diminuír o risco de propagación de incendios forestais e minimizar os danos causados por estes sinistros, no caso de que cheguen a producirse.
Axudas desde 590€/ha
Concederanse achegas para áreas devasa en monte desarborado para roza mecanizada con rozadoira de cadeas ou similar, con preto de 590 euros por hectárea. Para montes en rexeneración, serán máis de 1.650 euros por hectárea para o rareo sistemático de rexenerado forestal con tratamento de restos.
As axudas complétanse para as devasas con 635 euros por hectárea para a mellora de faixas cortalumes xa existentes con folla de máquina e, para as faixas auxiliares de pista con ou sen roza da plataforma de rodadura, destinaranse case 590 euros/ha se é roza mecanizada con rozadora arrastrada de cadeas ou similar ou con 734 euros/ha, no caso da roza mecanizada con rozadora de brazo ou similar.
Os beneficiarios serán as persoas titulares dos montes veciñais de man común que conten, individualmente ou agrupados, con superficies de máis de 100 hectáreas, e as agrupacións forestais de xestión conxunta deberán contar con máis de 50 hectáreas. Ademais, as actuacións localizaranse en zonas de alto ou medio risco de incendios, é dicir, que poderá abranguer todo o territorio de Galicia.
Ligazón á resolución no DOG: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250609/AnuncioG0426-030625-0003_gl.html