Entregados os premios da terceira edición do certame de Paisaxe Sonora

Lugo

O primeiro premio do certame de Paisaxe Sonora da USC, dotado con 300 euros, recoñeceu o traballo titulado ‘Ritual de petición de lluvias’ de Cristian Benítez Leyva; mentres que o segundo foi para Johan Sebastian Pabón por ‘Montaña a montaña’, quen recibiu 200 euros, ademais do Premio do Público, dotado con 100 euros. Os dous premiados foron distinguidos tamén cunha xoia deseñada por Montse Rego, alén dos correspondentes diplomas. O xurado acordou tamén outorgar unha mención especial a ‘Sons do Cabo da Area’ presentado por estudantes do CPI Cabo de Area.

O acto de entrega de galardóns desenvolveuse o venres 22, nun acto que tivo lugar na Casa do Saber e que estivo presidido polo adxunto para o Campus de Lugo, Antonio Álvarez Rodríguez. O xurado estivo composto por Arturo Vaquero, coordinador do certame, e Xoán Xil e Marco Antonio Maril Pardo, técnicos especialistas en electroacústica. O ditame baseouse na calidade técnica das obras presentadas, a orixinalidade, o interese sonoro e emocional, a coherencia entre a idea explicada e o audio, así como o seu valor cultural, isto é, se os sons capturados reflicten a identidade e características únicas do lugar, ou se inclúen elementos culturais ou históricos relevantes da zona.

O certame de Paisaxes Sonoras que cada ano impulsa a Área de Cultura da USC no Campus de Lugo ten como finalidade alentar e estimular a disciplina da creación de paisaxes sonoras, así como fomentar a educación da escoita e a sensibilización do oído na nosa contorna. Esta iniciativa quere poñer en valor os sons no día a día e a súa capacidade para evocar emocións, contidos culturais e históricos, e a conexión co medio ambiente.

Paisaxes Sonoras, enmarcado dentro da programación do Outono Cultural, recibe financiamento do convenio Lugo Cultural, froito da colaboración entre a USC, vicepresidencia da Deputación de Lugo e Cultura e Turismo do Concello de Lugo.