A Xunta convida a aproveitar as múltiples posibilidades de negocio e de lecer que ofrece a Feira Internacional Abanca Semana Verde

Silleda (Pontevedra), 5 de xuño de 2025

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participaron hoxe na inauguración da Feira Internacional Abanca Semana Verde, que abre as súas portas ata o vindeiro domingo no recinto feiral de Silleda. Na súa intervención, Diego Calvo convidou a aproveitar ao máximo as múltiples posibilidades de negocio e de lecer que ofrece o evento a profesionais e público en xeral.

O conselleiro destacou o crecemento constante deste encontro multisectorial, que suma xa 47 edicións, superándose ano tras ano en participación de expositores e en actividades. Así, aos habituais salóns temáticos centrados na alimentación, na caza, pesca e natureza, e no turismo, acompañados da presenza doutros moitos sectores, súmase como novidade a I Feira da beleza e a estética avanzada para afondar no mundo do coidado persoal.

Segundo sinalou, os expositores directos, que xa en 2024 sumaron a maior cifra dos últimos 17 anos, volven medrar, chegando aos 758. “Esta convocatoria é ademais a máis internacional dos últimos 20 anos, con 69 expositores directos estranxeiros, case o dobre que o ano pasado”, engadiu. Diego Calvo puxo tamén o foco na vertente profesional, que permite “atopar colaboradores, establecer alianzas e aumentar a visibilidade achegándose ás persoas consumidoras”.

En canto ás actividades, este evento consolidado como a maior feira multisectorial do noroeste peninsular ofrece un amplo e variado programa con máis de 200 propostas lúdicas e de intercambio profesional. “Sumar 47 edicións e seguir superándose tanto en expositores como en internacionalización, demostra unha fortaleza de organización e loxística que poucos espazos poden ofrecer coas garantías deste recinto” apuntou.

Por outra banda, o conselleiro incidiu no crecente protagonismo do deporte na programación da feira, xa que, ademais da tradicional carreira popular, o open de xadrez e espectáculos do motor con pilotos de referencia, estrea exhibicións e cursos de skate.

Asemade, cómpre lembrar a relevancia deste evento para o sector agrogandeiro galego, xa que constitúe unha oportunidade para favorecer encontros que poidan derivar en futuros negocios e axuden a impulsar o progreso do rural.

Neste contexto, a conselleira do Medio Rural asistiu tamén á sinatura do convenio de colaboración entre a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia e Vegalsa- Eroski para a comercialización do produto amparado por este selo de calidade diferenciada. Gómez sinalou que este tipo de «alianzas estratéxicas» son especialmente beneficiosas para os produtores, distribuidores e comercializadores. Recoñeceu tamén a importancia de que os grandes grupos agroalimentarios aposten polos produtos galegos, o que supón un «pulo económico» para Galicia e o seu rural.

Deja un comentario