O Selo de Excelencia ao grao en Veterinaria rubrica “o traballo de moitos anos a prol da calidade”

Lugo

“Este é un recoñecemento ao traballo de moitos anos a prol da calidade e no seo dun centro que se atopa en constante revisión”. Con estas verbas definía este mércores 4 o decano da Facultade de Veterinaria, Gonzalo Fernández Rodríguez, a concesión do Selo de Excelencia co que a Xunta de Galicia acaba de recoñecer o grao en Veterinaria. Esta titulación do Campus de Lugo convértese, deste xeito, na primeira da USC en recibir esta distinción que contribúe a sensibilizar a comunidade universitaria sobre a relevancia da innovación para adaptarse ás transformacións de procesos, métodos, ferramentas, materiais e contidos que esixe a sociedade do coñecemento.

Tal e como explicou o decano, a inxección económica que implica o Selo permitirá que o centro avance en aspectos como os modelos de simulación para habilidades clínicas, elemento indispensable, por exemplo, para acadar a acreditación europea que Veterinaria está a piques de renovar. “Todo está encadeado”, sinalou en referencia a como esta distinción repercutirá de xeito positivo noutros procesos que redunden, á súa vez, no recoñecemento da calidade da Facultade.

Neste senso, a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, subliñou que a concesión contribuirá a incrementar o valor dunha titulación “que leva demostrando dende a súa posta en marcha nos anos 80 unha calidade indiscutible non só no contexto do SUG, senón tamén a nivel estatal e internacional”. O reitor Antonio López Díaz presidiu o acto de entrega do Selo que tivo lugar na Sala de Xuntas da Facultade de Veterinaria e no que tamén interveu o conselleiro de Educación, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, Román Rodríguez.

Demanda social 

O selo de grao de excelencia ten unha vixencia de seis cursos académicos, con seguimentos anuais e posibilidade de renovación, e continuará con financiamento específico no marco do Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-26. Esta iniciativa enmárcase nas diferentes medidas impulsadas desde o Goberno galego para fomentar a excelencia e a adaptación da oferta formativa ás demandas do conxunto da sociedade. Ao mesmo tempo, procúrase aliñar o deseño das titulacións de grao coas novas tendencias internacionais, contribuíndo a elevar os seus estándares de calidade e darlles visibilidade.

Entre os requisitos para optar ao Selo, as titulacións deben levar impartíndose de xeito ininterrompido, como mínimo, desde o curso 2018/19 e continuar na actualidade. Cada universidade podía presentar tres solicitudes como máximo. No relativo aos criterios de avaliación, fixáronse un total de oito: estratexia e resultados, currículo, deseño do proceso de ensino–aprendizaxe, profesorado, avaliación, inserción laboral, internacionalización e exposición da proposta. Cada un deles foi valorado cun máximo de 10 puntos, agás no caso da estratexia e resultados (máximo de 25 puntos) e da exposición da proposta (ata 15 puntos).

Nestes bloques valóranse cuestións como as taxas de ocupación, graduación, cambio e abandono; a contribución do plan de estudos ao desenvolvemento autonómico e a súa relación coa contorna e tecido empresarial; a metodoloxía docente e acompañamento personalizado ao estudantado, ou a excelencia do profesorado e a súa participación en formación e iniciativas innovadoras.

Así mesmo, tamén se tiveron en conta as estratexias para avaliar a calidade da titulación (avaliación continua, diarios de aprendizaxe), a inserción laboral do grao e, no eido da internacionalización, ítems como a colaboración con universidades estranxeiras, os créditos ofertados en linguas estranxeiras, a mobilidade do estudantado ou a acreditación do nivel de idiomas do persoal docente e investigador.