No curso 2004/2005, a posta en marcha do título propio de Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga) supuña o inicio da formación en moda na Universidade de Vigo. Tres anos despois, os seus primeiros egresados e egresadas presentaban nun desfile as coleccións que realizaran como proxectos de fin de estudos. Nacía así Debut, un evento que na noite deste venres reuniu preto dun milleiro de persoas no Pazo da Cultura de Pontevedra, onde puideron contemplar sobre a pasarela as coleccións realizadas como traballos de fin de mestrado por 14 novos titulados e tituladas no Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, que no curso 2017/2018 tomou o relevo do título propio. Nesta décimo oitava edición de Debut, o xurado decidiu outorgar o primeiro premio a Aquellos ojos, o proxecto no que Alba Vidal buscou recrear a través de tonalidades e texturas a atmosfera das películas de Wong Kar Wai.
Como un “recoñecemento ao traballo” recibía esta egresada o premio ao deseño e á creatividade, que outorga a Fundación Bimba y Lola, ao remate dunha pasarela na que presentou un proxecto que ten como punto de partida esa atmosfera creada polas “frías luces de neon da noite de Hong Kong” que este cineasta recrea nos seus filmes. “Inspírase no tratamento da cor e das texturas que utiliza e que levei o meu proxecto a través dunha experimentación material, tanto con téxtiles como con complementos”, salienta a gañadora de Debut 2024, quen destaca o valor dun galardón que mostran “que alguén lle deu un valor o teu traballo” e o valor engadido que pode achegar ao seu futuro profesional.
Organizado por este mestrado da Facultade de Deseño, co apoio da Universidade, o Concello de Pontevedra, a Xunta de Galicia, Debut 2024 distinguiu co premio á colección con maior valor artesanal o proxecto de Jorge Hurtado, Carne y Metal. Outorgado pola Fundación Artesanía de Galicia, este galardón recoñecía unha proposta inspirada nos procedementos cirúrxicos e en como estes permiten construír “segundas peles”.
“Unha explosión de creatividade”
“O que vedes aquí é investigación, unha exploración de camiños por parte de novos deseñadores e deseñadoras”, sinalou a coordinadora do mestrado, Lola Dopico, na apertura dun desfile ao que asistiron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón; a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, e o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez. Debut, lembrou Dopico, “é ante todo un proxecto formativo”, o que motivou que nas coleccións levadas á pasarela puidesen atoparse “volumes desafiantes e proxectos desbordantes”, nunha “explosión da creatividade do estudantado”.
Deste xeito, xunto as coleccións premiadas, puideron verse coleccións que tiñan na memoria o seu punto de partida, como a que Alba Caballero articulou a partir dos elementos que permanecían nunha casa deshabitada que pertenceu á súa familia, ou a que Silvia Colombo centrou na figura do seu avó. Tamén Laura Vidales empregou o legado do seu avó, que traballou como proxectista naval en Vigo, como punto de partida do seu proxecto, mentres que Mercedes Pereira formulaba unha homenaxe ás mulleres de Krusha, que sobreviviron á Guerra de Kosovo, e Lula de Navasqüés reflexionaba sobre a transformacións vividas polas mulleres de clase alta estadounidenses na primeira metade do século XX. Raúl Rodríguez Mena, pola súa banda, abordaba o tránsito da nenez á idade adulta a partir do folme Gummo, de Harmony Korine, mentres que a serie de animación Heidi serviu a Lucía González para conectar as paisaxes dos Alpes coa cultura visual xaponesa. No seu TFM, Rubén Mascato realizaba unha homenaxe ao director teatral e dramaturgo esloveno Tomaz Pandur, co que traballara como actor, mentres que as cancións da banda surcoreana BTS e unha reinterpretación irónica do pensamento de Carl Jung e Sigmud Freud confluíron no proxecto de Luiselena Tilve. A estas propostas sumábanse o proxecto co que Silvia G. María rendía homenaxe ao grupo británico Radiohead, ou a colección na que Clo Vicente descontextualiza a figura da bailarina clásica, conectándoa co punk. Por outra banda, o Camiño de Santiago e a ruta xaponesa do Kumano Kodo inspiraron as propostas que levou á pasarela Lorena Peitado.
Estes proxectos foron avaliados por un tribunal composto por Enrique de Santiago, xestor de proxectos en Loewe; Fabrizio Bencherucci, docente da escola Polimoda, de Florencia, e consultor técnico comercial do Gruppo Tessile Bellandi; Natalia Culebras, directora de Deseño Sostible en Dior Men; Nilus Amadeus Lange, profesor da Basel Academy of Art and Design; Pablo Pallardo, director de accesorios de Bimba y Lola; Aurea Aburto, deseñadora de accesorios de Bimba y Lola; e Charo Froján e Alfredo Olmedo, deseñadores da marca DDUE. Ademais dos TFM, Debut completouse cun segundo bloque, conformado por 26 coleccións realizadas polo estudantado durante o seu primeiro ano de formación no máster.
Dous días por diante para coñecer as coleccións
Unha das novidades de Debut 2024 foi á a participación do estudantado do Grao en Deseño, en propostas como a creación dos paneis de presentación das coleccións. Así mesmo, outra das novas iniciativas é a exhibición das coleccións realizadas como TFM, na tarde deste sábado e na mañá do domingo, na sala de exposicións do Pazo da Cultura. Coa participación dos propios deseñadores e deseñadoras, esta iniciativa permitirá contemplar as coleccións do mesmo xeito no que se lle presentaban na mañá deste venres ao xurado.
Esta actividade porá peche ao programa de actividades que Debut despregou ao longo desta semana, conformado por unha decena de obradoiros e seminarios, as conferencias de Binda Daileger e Enrique de Santiago e as xornadas nas que os novos titulados e tituladas mantiveron unha serie de entrevistas con responsables de recursos humanos de Inditex, Bimba y Lola, Sociedad Téxtil Lonia, Parfois e Adolfo Domínguez.