Xosé Merelles destaca a aposta da Xunta polo turismo de congresos que representou en 2024 o gasto diario máis elevado

Mondariz Balneario (Pontevedra), 27 de maio de 2025

O Hotel Balneario de Mondariz acolle desde este martes a celebración do II Congreso de Networking e Cooperación Turística Internacional ‘Conecta & Lidera’ que organiza a Asociación Internacional para a Cooperación e o Desenvolvemento Turístico (Asicotur).

Durante a súa inauguración, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou a importancia desta cita que aúna os ámbitos do emprendemento, a innovación e a sostibilidade a prol do desenvolvemento turístico dos territorios. Eloxiou a elección de Mondariz Balneario para a celebración desta cita internacional que favorece a atracción doutros eventos no marco do fomento do turismo de congresos, que impulsa a Xunta como un dos eixes da estratexia de desestacionalización.

Neste sentido, o director de Turismo de Galicia destacou que precisamente na actualidade este tipo de turismo presenta o nivel de gasto medio diario máis elevado de toda a demanda, con pouco máis de 200 euros por persoa e día.

Referíndose ao Congreso ‘Conecta & Lidera’, Xosé Merelles salientou que “o emprendemento e as tecnoloxías intelixentes terán un gran protagonismo e potencialidade” no deseño de futuras políticas e accións en materia turística.

Neste sentido, o director de Turismo de Galicia salientou que esta Comunidade está a traballar nestes aspectos a través da Estratexia de Turismo de Galicia 2030 que “busca potenciar un turismo sostible, coa hospitalidade como sinal de identidade e que beneficie ao conxunto do territorio”.

Deja un comentario