O programa de prácticas externas de USC e Medio Rural mellorará a inserción laboral do estudantado de Veterinaria e EPSE

Lugo

A USC e a Consellaría de Medio Rural da Xunta de Galicia establecerán un programa conxunto para a realización de prácticas académicas externas do estudantado da Facultade de Veterinaria e da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE). O convenio asinado este xoves 21 polo reitor Antonio López Díaz e a conselleira María José Gómez Rodríguez redunda na adecuación dos programas educativos ás necesidades do mundo laboral ao facilitar a futura inserción do estudantado no mercado de traballo. Grazas a este acordo, alternarase a formación teórica con prácticas externas nas instalacións da propia Consellaría, que tamén achegará especialistas para a docencia teórico-práctica especializada que fose precisa.

O reitor subliñou a dispoñibilidade da Universidade “de poñer todas as súas infraestruturas e capacidades ao servizo do medio rural galego”. Antonio López destacou que o Campus Terra de Lugo ten un perfil claramente orientado a ese eido tanto na formación como na investigación e nos servizos que se prestan. A función que demanda a cidadanía por parte das institucións universitarias, dixo, sitúase non só no ámbito formativo, senón que radica no feito de que que “toda a investigación e o coñecemento sirvan para mellorar a sociedade na que estamos inseridos e á que servimos”. O convenio asinado este xoves, continuou Antonio López, é boa proba desta compromiso sostido no tempo por parte da USC e que permitirá a mellora da formación curricular do estudantado destes centros.  

Pola súa parte, a conselleira puxo o foco na importancia de “poñer en contacto o estudantado coa realidade” que se vive na administración, o lugar no que unha boa parte acaba exercendo a súa actividade profesional. “Este é un convenio firmado por catro anos e produtivo para ambas as partes, unha relación que ten que ser fluída”, destacou Gómez Rodríguez. O Campus de Lugo, concluíu, “é un campus imprescindible” para o medio rural galego.  

O programa

As prácticas ofertadas poderán ser curriculares, é dicir, contempladas nos plans de estudo; conducentes á elaboración dos Traballos Fin de Grao ou Fin de Mestrado; e extracurriculares ou complementarias. Realizarase, como mínimo, unha convocatoria en cada curso académico. A cada estudante seralle atribuído un titor ou titora académica que será docente da titulación por designación do centro para cada práctica ofertada e coa misión de facer un seguimento máis directo. Cada estudante contará, ao mesmo tempo, con titoría na Consellaría do Medio Rural onde realice as prácticas.

O proxecto formativo en que se concretará a realización das prácticas académicas externas deberá fixar os obxectivos educativos e as actividades que se vaian desenvolver. Os obxectivos estableceranse considerando as competencias básicas, xenéricas, específicas e transversais que debe adquirir o estudantado. Así mesmo, os contidos das prácticas definiranse de forma que aseguren a relación directa das competencias a adquirir cos estudos cursados.

En virtude do convenio asinado, o estudantado da Facultade de Veterinaria da USC poderá facer prácticas nalgún dos seis centros de formación e experimentación agraria (CFEA) adscritos á Consellaría (Pedro Murias de Ribadeo, Guísamo, Lourizán, Monforte de Lemos, Becerreá e Sergude). Ademais, o estudantado da EPSE poderá recibir formación práctica nas oficinas rurais e noutras dependencias de Medio Rural.

Visita ao Campus de Lugo

A sinatura do convenio enmarcouse nunha xornada na que a conselleira de Medio Rural, xunto ao reitor, puido coñecer de primeira man e profundar na actividade realizada por diversos centros de referencia da sede universitaria luguesa. O percorrido comezou no Hospital Veterinario Universitario Rof Codina, onde foi recibida polo decano de Veterinaria, Gonzalo Fernández Rodríguez, e polo director veterinario do centro hospitalario, Antonio González Cantalapiedra. A continuación, a visita trasladouse á propia Facultade de Veterinaria, escenario no que se formalizou a sinatura do convenio.  

Francisco J. Fraga López, vicerreitor de Organización Académica e do Campus de Lugo; Mª Elvira López Mosquera, delegada do reitor para o Campus Terra; Ana González Abelleira, concelleira de Cohesión Social e Territorial do Concello de Lugo; e Javier Arias, delegado territorial da Xunta en Lugo, acompañaron ao reitor e á conselleira no seu percorrido posterior pola Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA), a Plataforma da Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) e o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), lugar no que se deu por finalizado o percorrido polo Campus de Lugo.