O décimo aniversario das xornadas PROePLA centrarase na moratoria do eucalipto

O grupo de investigación Proxectos e Planificación (PROePLA) da Universidade de Santiago de Compostela conmemorará o vindeiro mes de setembro, como vén facendo nos últimos dez anos, unha nova edición das súas Xornadas PROePLA na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo. Nesta ocasión, a cita impulsada por este grupo pertencente ao Campus Terra será especialmente significativa xa que este décimo aniversario consolida este foro como “un espazo de referencia para a análise rigorosa dende o ámbito técnico e científico das cuestións clave que afectan ao medio rural galego”, explican.

Tras un proceso participativo aberto  o tema escollido para esta décima edición foi ‘A moratoria do eucalipto’, que acadou un 68 % dos votos emitidos, por diante doutras propostas como ‘Patoloxía dos piñeiros’ ou ‘Altri’. Conscientes da relevancia e sensibilidade do debate arredor da expansión do eucalipto en Galicia, desde PROePLA “apóstase por un enfoque rigoroso, plural e baseado en datos contrastados, que contribúa a enriquecer a toma de decisións no ámbito da planificación forestal”, sinalan.  Por iso, o grupo de investigación fai un chamamento a todas aquelas persoas, profesionais ou entidades que desexen achegar datos, información, estudos técnicos ou evidencias científicas sobre a moratoria do eucalipto. As achegas poderán enviarse ata o 30 de xuño ao correo electrónico actividades [at] proepla.com (actividades[at]proepla[dot]com) ou ben chamando ao número 982 823 248.

O programa definitivo, así como a listaxe de persoas relatoras e os temas específicos que se tratarán, presentaranse ao longo do mes de xullo. A xornada será de carácter aberto e busca fomentar un debate construtivo e multidisciplinar, integrando a perspectiva de persoal técnico e investigador, persoas propietarias forestais, representantes institucionais e sociedade civil.

Dende a súa creación, as Xornadas PROePLA foron un punto de encontro anual para a reflexión colectiva sobre os retos do medio rural galego, cunha orientación práctica e vinculada á toma de decisións estratéxicas. Nesta décima edición, o obxectivo mantense firme: achegar coñecemento útil que achegue solucións aos grandes retos do territorio.