A Xunta destaca o potencial do deporte adaptado de en Galicia

A Coruña, 21 de maio de 2025

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou hoxe os clubs de ximnasia rítmica Santiago Apóstol e María Barbeito, da Coruña, para coñecer o seu traballo e felicitalos polos bos resultados obtidos no Campionato de España de ximnasia rítmica para persoas con discapacidade intelectual, celebrado o pasado mes en Ávila, que reafirman o potencial do deporte adaptado en Galicia. 

No caso do Santiago Apóstol, o deportista Asier Garmendia quedou campión de España, mentres o conxunto sénior mixto foi o terceiro clasificado. Pola súa banda, o conxunto júnior de ximnasia adaptada María Barbeito foi subcampión na súa categoría e unha das súas integrantes, Noa Brandariz, logrou a medalla de bronce na categoría individual feminina sub-18. 

Na súa visita, Diego Calvo deulles os parabéns tanto aos deportistas polos éxitos como ao conxunto dos clubs polo labor a prol da inclusión a través do deporte. O conselleiro incidiu na aposta da Xunta pola práctica deportiva, como canle de superación, de integración e de transmisión de valores. Referiuse tamén á relevancia que ten en Galicia o deporte adaptado, como demostra a elevada representación galega nos Xogos Paralímpicos e o cada vez maior número de deportistas con diversidade funcional recoñecidos de alto nivel, xa que actualmente son case medio cento, o número máis alto da historia e que segue a medrar.

Deja un comentario