O programa A Ponte abre as portas da USC ao estudantado preuniversitario

Lugo,
Santiago de Compostela

Xa está aquí unha nova edición das ‘Xornadas de portas abertas. Coñece a USC’ coas que o Programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC quere que o estudantado preuniversitario visite os centros da Universidade de Santiago de Compostela para que coñeza de primeira man as titulacións do seu interese. As Xornadas que terán lugar o 13 de xuño, no Campus de Santiago, e os días 13 e 14 do mesmo mes, no Campus de Lugo, diríxense a estudantado de segundo de Bacharelato ou ciclos superiores de Formación Profesional que realice as probas PAU neste curso.

A inscrición permanece aberta ata o vindeiro 9 de xuño ás 14.00 horas e pode formalizarse a través dun formulario electrónico no que as persoas interesadas seleccionarán os graos que queren visitar. As titulacións están agrupadas polos centros nos que se imparten. Cada unha poderase visitar no horario indicado no formulario. No web de ‘Xornadas de portas abertas. Coñece a USC’ pode accederse a toda a oferta de titulacións que abren as súas portas e os seus correspondentes horarios, para facilitar a escolla por parte do estudantado. Esta iniciativa que se desenvolve por segundo ano consecutivo ten como obxectivo que a mocidade preuniversitaria reciba información directa dos estudos de grao que se ofertan na USC.