Era o 1 de xuño do ano 2015, Día Internacional do Leite, cando a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC (APLTA) inauguraba as súas novas instalacións no barrio lucense de San Fiz. Unha década despois e logo de que esta plataforma tecnolóxica da USC chegase aos 30 anos de vida, é o momento de conmemorar este aniversario cunha xornada festiva que terá lugar o vindeiro 30 de maio, a partir das 17.00 horas, e na que todas aquelas persoas que o desexen poderán visitar este centro e coñecer as persoas, tecnoloxías e equipos cos que traballan xa convertidos nun referente Europeo en I+D+i para a industria alimentaria e os centros de investigación.
Durante a visita, as persoas asistentes poderán ver tamén produtos que lles resultarán familiares por ser habituais dos supermercados e que foron desenvoltos na APLTA do Campus Terra. A maioría dos traballos de I+D+I realizados no centro non poden ser expostos debido ás cláusulas de confidencialidade coas empresas, pero outros son resultado de proxectos públicos ou, sendo privados, é a propia empresa a que presume de que fosen desenvoltos na APLTA. O evento incluirá tamén unha mesa redonda, unha degustación comentada de queixos e acabará cuns petiscos de despedida para todos as persoas asistentes.
Na mesa redonda, titulada ‘Innovación: da orixe á internacionalización’, participarán Sergio Martínez (Innolact-Quescrem), Jesús García (Grupo Lence) e Ana Vázquez (Airas Moniz). Nela conversarase sobre o traballo levado a cabo por estas empresas lucenses coa APLTA e sobre como conseguiron que os seus produtos cheguen a todo o mundo. Ademais, poñerase de relevancia como a innovación, tanto de empresas de gran tamaño como doutras máis pequenas, pode ser un feito diferencial para poñer en valor unha zona xeográfica con necesidades de desenvolvemento e creación de emprego. Para asistir á mesa é necesario inscrición previa enviando un correo a comunicacion [at] aplta.es (comunicacion[at]aplta[dot]es) ou un whatsapp ao 647 344 098.
A continuación terá lugar unha degustación comentada de queixos das empresas e queixerías que levan traballando e/ou colaborando coa APLTA durante esta década: Savel de Airas Moniz, untables de Quescrem, Amarelo de Casa Donicio, macerado en mencía de Lácteos Ribeira Sacra, Pau Santo de Central Leiteira Galega, queixo DaJosefa de Quesería DaJosefa e Gran Capitán e Flor de Esgueva de Lactalis.
