Aberta a inscrición na IX Xornada Universitaria Galega en Xénero

As tres universidades públicas galegas manteñen aberto ata o 27 de maio o prazo de inscrición na IX Xornada Universitaria Galega en Xénero (XUGeX) que, co lema ‘Feminismo en acción: construíndo novos espazos de xustiza e igualdade’, se desenvolverá o 30 de maio na Facultade de Dereito da Universidade da Coruña.

Esta novena edición reafirma a necesidade dunha ollada crítica feminista fronte aos desafíos que atravesan as sociedades e universidades. Case unha década despois do #MeToo e nun contexto onde o medo comeza a cambiar de bando, continúan a denunciarse as violencias estruturais e a reacción patriarcal ante os avances en dereitos. Fronte á precarización da vida, o auxe dos discursos negacionistas e os intentos de borrar as nosas loitas, estas xornadas queren ser un espazo de reflexión e acción.

Entre os obxectivos da XUGeX figuran a aplicación da transversalidade de xénero como un criterio de calidade académica, o intercambio de experiencias e a promoción da creación de redes de colaboración multidisciplinares para integrar a perspectiva de xénero na actividade universitaria.

O programa contempla conferencias sobre, entre outras temáticas, violencia sexual facilitada pola tecnoloxía, vitimización secundaria ou a situación da muller na ciencia e na tecnoloxía. Ademais, haberá unha mesa redonda de análise da violencia contra as mulleres e dúas máis sobre a perspectiva de xénero na investigación universitaria.