Co horizonte no curso 2026-2027, a Universidade de Santiago e a Fundación Santiago Apostol de Ciencias Sociais traballarán para integrar os estudos de Traballo Social nun centro propio da USC. O marco de actuación quedou establecido este luns coa sinatura do convenio por parte do reitor da USC, Antonio López, e do presidente da Fundación, Manuel Balseiro.
A Fundación ostenta desde 1999 a titularidade da Escola Universitaria de Traballo Social de Santiago, que se puxo en marcha en 1957 e leva adscrita á USC desde 1983, ano no que comeza a impartir o título oficial de Traballo Social, inicialmente como diplomatura e, desde a implantación do Espazo Europeo de Educación Superior, como Grao Universitario.
Esta integración, manifestou o reitor, “non só fortalecerá o mapa de estudos propios da institución compostelá senón que ademais permitirá que o estudantado deste título poida beneficiarse de todos os dereitos que lles asisten como membros da USC”.
En palabras do presidente da Fundación, “a nosa ollada sempre estivo orientada á calidade e sentímonos orgullosos do que vimos facendo estes anos, pero somos conscientes do enorme impulso que suporá para a Escola a súa integración na universidade”.
Pola súa banda, a directora da escola, Teresa Facal, que agradeceu “a sensibilidade do actual equipo reitoral que vai permitir a consolidación dunha proposta común entre ambas institucións”. Para ela, “o crecemento do Traballo Social como disciplina require dun contexto académico que permita desenvolver todo o seu potencial”.
