Na segunda metade do século as vagas de calor na Península e Baleares serán moito máis intensas

Para o período 2050-2095, as vagas de calor serán moito máis intensas e de maior extensión espacial. En concreto, prevese que o cambio medio na intensidade máxima das ondas de calor sexa do 144% con respecto ao intervalo 1971-2000. Ademais, a extensión espacial media destas vagas aumentará entre un 1% e un 2,7% por década -segundo a concentración de gases de efecto invernadoiro (RCP, polas súas siglas en inglés), 4.5 e 8.5, respectivamente-, o que amplificará significativamente o risco de incendios, a demanda enerxética e a exposición humana.

No caso das vagas de frío, tanto a intensidade como a extensión espacial diminuirán. O cambio medio na intensidade máxima será do -16% e a extensión máxima diminuirá moito máis que a extensión media, con descensos que oscilan entre -0.7%/década e -3.2%/década, o que implicará unha menor exposición. Aínda que a diminución da intensidade e da extensión espacial será considerable, o escenario RCP 8.5 rexistrará unha maior intensidade máxima das olas de frío na Península Ibérica e Baleares (PIB) que o escenario RCP 4.5, o que demostra que estes fenómenos seguirán existindo na segunda metade do século, mesmo cun forzamento radiactivo elevado.

Esta é a proxección que acaba de realizar un equipo integrado por USC (Alejandro Díaz-Poso, do Departamento de Xeografía), UVigo e a Misión Biolóxica de Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas (MBG-CSIC) no estudo Heat and cold wave intensity and spatial extent on the Iberian Peninsula: future climate projections (2050–2095) que acaba de ver a luz en Climate Dynamics. O traballo é a continuación das análises de intensidade e extensión espacial das ondas de calor (Lorenzo et al., 2021) e das de frío (Díaz-Poso et al., 2023) para a primeira metade de século (2021-2050) no ámbito da PIB.

Importantes contrastes rexionais
Estes eventos de temperaturas extremas pódense caracterizar por catro dimensións: frecuencia, duración, intensidade e extensión espacial, sendo estas dúas últimas dimensións menos estudadas no contexto espacial da PIB. Ambas analizáronse mediante a utilización dos índices Excess Heat Factor (EHF) e Excess Cold Factor (ECF). Estes índices biometeorolóxicos incorporan directamente o aspecto da intensidade e o proceso de aclimatación do corpo humano, o que posibilita o seu uso na avaliación dos efectos das vagas na saúde a nivel da poboación. “Ademais, a súa sensibilidade respecto ás variacións locais de temperatura permite detectar condicións de vaga de calor/frío con antelación, o que converte a ambos os índices nunha ferramenta moi útil na toma de decisións en sectores como agricultura ou enerxía”, explican dende o equipo investigador.

A investigación tamén revela importantes contrastes rexionais. No caso das ondas de calor, as maiores intensidades rexístranse na parte occidental da península e nas zonas montañosas. A metade este da península, e concretamente a costa mediterránea, rexistrarán intensidades máis baixas. Tanto a maior tendencia como os maiores cambios porcentuais na intensidade máxima rexistraranse na rexión este e nordés peninsular, onde se alcanzarán cambios porcentuais do 300%, duplicando os cambios porcentuais previstos para 2021-2050.

No caso vas vagas de frío, as maiores intensidades rexistráronse no norte e nordés da península e nas rexións montañosas, mentres que no oeste e suroeste da península así como en zonas costeiras as intensidades serán menores. A diminución da intensidade máxima das ondas de frío con respecto a 1971-2000 será menor no escenario RCP 8.5 (-10.1%) que no escenario RCP 4.5 (-21.6%) e a súa variabilidade será maior. Por outra banda, a súa extensión máxima diminuirá moito máis que a extensión media, con descensos que oscilan entre a -0.7%/década (RCP 4.5) e -3.2%/década (RCP 8.5).

O equipo investigador sinala ademais como cuestión importante que “na segunda metade de século a diferenza entre escenarios RCP 4.5 e 8.5 (menor ou maior concentración de gases de efecto invernadoiro) se acentuará”. “A intensidade máxima das ondas de calor (EHFmax) e das ondas de frío (ECFmin) no escenario RCP 8.5, de maior forzamento radiativo, será superior á rexistrada en ambos os casos para 2021-2050”, aventuran. 
 

ARTIGOS RELACIONADOS:

. Díaz-Poso A, Lorenzo N, Martí, A, Royé, D (2023). Cold wave intensity on the Iberian Peninsula: Future Climate Projections. Atmospheric Research, 295:107011
https://www.sciencedirect.com/science/article/pii/S0169809523004088

. Lorenzo N, Díaz-Poso A, Royé D (2021). Heatwave intensity on the Iberian Peninsula: Future climate projections. Atmospheric Research, 258:105655. 
https://www.sciencedirect.com/science/article/pii/S0169809521002076

 

Cambio porcentual no valor de EHFmax para 2050-2095 en comparación con 1971-2000 en escenario RCP 8.5 (quecemento medio do 201,10%)
Cambio porcentual no valor de EHFmax para 2050-2095 en comparación con 1971-2000 en escenario RCP 8.5 (quecemento medio do 201,10%)

Cambio porcentual no valor de ECFmin para 2050-2095 en comparación con 1971-2000 para escenario RCP 8.5 (quecemento medio do 10,1%)
Cambio porcentual no valor de ECFmin para 2050-2095 en comparación con 1971-2000 para escenario RCP 8.5 (quecemento medio do 10,1%)

Resumo das proxeccións de Excess Cold Factor (ECF) para a Península Ibérica e Baleares (PIB) en 2021-2050 (grises) e 2050-2095 (azuis). O punto indica a mediana, as caixas o rango intercuartílico e os bigotes o rango observado
Resumo das proxeccións de Excess Cold Factor (ECF) para a Península Ibérica e Baleares (PIB) en 2021-2050 (grises) e 2050-2095 (azuis). O punto indica a mediana, as caixas o rango intercuartílico e os bigotes o rango observado

Resumo das proxeccións de Excess Heat Factor (EHF) para PIB en 2021-2050 (grises) e 2050-2095 (laranxa e vermello). O punto indica a mediana, as caixas o rango intercuartílico e os bigotes o rango observado
Resumo das proxeccións de Excess Heat Factor (EHF) para PIB en 2021-2050 (grises) e 2050-2095 (laranxa e vermello). O punto indica a mediana, as caixas o rango intercuartílico e os bigotes o rango observado