San Cibrao das Viñas, 16 de maio de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na entrega de premios de Galiciencia 2025, a maior feira científica de Galicia, que celebra o seu vixésimo aniversario nunha edición na que participaron 225 alumnos e alumnas de Primaria, Secundaria. Bacharelato e FP de 46 centros de Galicia e, tamén, de País Vasco, Cataluña, Andalucía e Canarias.
Lorenzana, que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo Cid, destacou o labor que fai o Centro Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) como organizador deste certame porque contribúe a fomentar as vocacións pola ciencia e a tecnoloxía entre os máis novos; indispensable, dixo, para reducir as fendas de xénero nestas disciplinas e para seguir impulsando o progreso e o coñecemento.