O Día das Letras Galegas enaltece as cantareiras como “protagonistas esenciais na transmisión oral da poesía”

A USC conmemorou este venres 16 o Día das Letras Galegas nun acto institucional que se desenvolveu no Salón Nobre do Colexio de Fonseca e que serviu de marco para a presentación da obra Canta ti, cantarei eu. A poesía popular oral. O volume editado por Edicións USC reivindica “o valor da poesía popular oral, transmitida xeración tras xeración, de forma case sempre anónima e fóra dos recintos culturais hexemónicos, representada por sete mulleres afastadas dos devanditos clixés”, tal e como explicou no acto a profesora Ana Isabel Boullón Agrelo, editora e coordinadora do volume. Este ano, a Real Academia Galega (RAG) acordou dedicar o Día das Letras Galegas á poesía popular oral, representada nas persoas de Adolfina e Rosa Casás, de Cerceda, Eva Castiñeira, de Muxía, e de Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, as catro Pandeireteiras de Mens, en Malpica.

O acto estivo presidido polo reitor Antonio López Díaz quen reflexionou na súa intervención sobre a situación da normalización lingüística e sobre como, no contexto actual e a diferenza do que ten sucedido noutros intres, agora son as institucións as que teñen que conseguir que o idioma que se usa na súa actividade diaria, se espalle tamén pola vida cotiá da cidadanía. O reitor puxo en valor a actividade desenvolvida pola Facultade de Filoloxía na que ademais de docencia e investigación, tamén se “fai música e cultura”. 

O título do libro co que o Departamento de Filoloxía Galega e canda el, a Universidade de Santiago de Compostela, quere “render tributo e deitar luz sobre este aspecto crucial para a nosa cultura e a nosa lingua” emerxe dunha copla recollida en Avión a unhas veciñas de Liñares por Dorothe Shubarth e transcrita por ela e por Antón Santamarina. “Alude á forza do conxunto, do colectivo, da sororidade, da complicidade feminina. Porque as mulleres foron protagonistas esenciais na transmisión oral da poesía popular”, sinala a profesora Boullón. Antón Santamarina, Domingo Blanco, Camiño Noia, Xosé Luís Forneiro, Mario Regueira, María Álvarez de la Granja, José Manuel Fernández Pensado, Richi Casás, Icía Varela e Xosé Manuel Varela integran a listaxe de sinaturas que compoñen este volume, cuxo limiar corre a cargo da profesora Boullón. 

Pola súa parte, o director do Departamento de Filoloxía Galega, Francisco Cidrás,  lembrou que esta celebración que se materializa na figura destas mulleres, faise tamén en “representación de todas as persoas que transmitiron ese patrimonio oral, sobre todo mulleres, porque as mulleres foron as principais transmisoras desas cantigas que non teñen existencia libresca, que só existen mentres son cantadas, igual que as linguas só existen mentres son faladas. As mesmas mulleres que son chave na transmisión da lingua, cando a transmisión entre xeracións non se rompe. Elas sábense axentes desa difusión nunha dinámica que vai sempre de abaixo para arriba e maiormente de muller a muller”. 

“Poesía de boa lei”

O relatorio central do acto correu a cargo do profesor Xesús Alonso Montero baixo o título ‘Poesía e sociedade no cancioneiro popular galego’. O profesor dedicou a súa intervención a Dorothe Shubarth, de quen dixo “merece na cerna de Galicia un monumento, igual que os grandes sabios e os grandes heroes”. Alonso Montero reivindicou que o que se conmemora neste día son “as virtudes artísticas da copla popular, a poeticidade dos cantares populares”. Na súa disertación, o profesor percorreu as voces críticas que ao longo da historia se teñen erguido en contra da lírica popular e detívose moi especialmente nas “glosas desas cántigas” que Rosalía de Castro realizou en 1863 na súa obra Cantares Gallegos. “O número reducido pero selecto de lectores” que no seu momento accederon á obra de Rosalía, lembrou Alonso Montero, puideron comprobar que “os cantares populares teñen poesía de boa lei”. Grazas a Rosalía, continuou o profesor, “o cantar adquire un rango cultural, un status literario que non tiña”. 

O grupo Ferreñas Ceibes, composto por estudantado do grao de Filoloxía Galega da USC, interpretou no acto as pezas tradicionais ‘Maneo de Mens’, ‘Muiñeira de Cerceda’, ‘Pasodobre de Agranzón’, ‘Pasodobre de Mens’ e ‘Xota de Agranzón’. Este colectivo está integrado por Joaquim de Andrade (Ortigueira), Iria Araúzo (Barreiros), Nerea Carballo Fernández (Xinzo de Limia), María Fuciños Corral (Melide), Hélio Miramontes (Lavadores), Andrea Mosteiro Sanxiao (A Estrada), Anxela Outeiro Castro (Meaño) e Xía Sar (Muxía). 

BUSC

No marco da conmemoración do Día das Letras Galegas, a Biblioteca Universitaria acaba de publicar a guía web dedicada ás cantareiras e á poesía popular oral de Galicia. Nela inclúese unha bibliografía baseada nos fondos da BUSC e centrada nas cantareiras, os cancioneiros galegos e a poesía popular oral. Complétase a guía cunha selección de recursos que contribúen a visibilizar as figuras das cantareiras como transmisoras da nosa poesía de tradición oral.

Ademais, a Biblioteca Xeral organiza unha mostra bibliográfica que se pode visitar no espazo expositivo da sala de lectura. A mostra ofrece unha selección de obras da colección da Biblioteca con particular atención ás novidades editoriais relacionadas coas figuras das cantareiras. Pola súa parte, a biblioteca da Facultade de Medicina e Odontoloxía organiza a exposición «Castelao: o médico que quixo ser artista». Deste xeito, continúa a serie de mostras ‘Medicina e Letras Galegas’ sobre estudantes da Facultade de Medicina que foron homenaxeados nalgún 17 de maio. ​Pode visitarse no claustro baixo da Facultade ata o vindeiro 31 de maio. Finalmente, a Biblioteca de Psicoloxía e Ciencias da Educación expón unha pequena escolma de manuais dos ciclos do ensino galego dos anos comprendidos entre a aprobación da Lei Xeral de Educación (1970) e a Lei de Normalización Lingüística (1983). Pódese visitar ata o 30 de maio.

De esquerda a dereita, Francisco Cidrás, Antonio López, Xesús Alonso Montero e Ana Boullón. Nun segundo termo, Gumersindo Feijoo xunto ás cantareiras de Ferreñas Ceibes. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Francisco Cidrás, Antonio López, Xesús Alonso Montero e Ana Boullón. Nun segundo termo, Gumersindo Feijoo xunto ás cantareiras de Ferreñas Ceibes. FOTO: Santi Alvite