A aposta polas persoas, o investimento en infraestruturas e a redución da débeda centraron os eixos temáticos do Informe do Reitor 24/25 no Claustro

A xestión da Universidade de Santiago ao longo de 2024 e nestes primeiros compases de 2025 mantivo como eixos vertebradores as persoas e a xestión económica, particularmente a través da redución da temporalidade na contratación de persoal e a estabilización e a recondución da situación económica a través da redución da débeda. Así o indicou o reitor da USC Antonio López na presentación do seu informe de xestión 24/25 ante o Claustro Universitario.

Estruturado en dez apartados, o documento percorre dende a gobernanza da Universidade, a situación de cada sector da comunidade universitaria, a oferta formativa, a actividade investigadora e a innovación; os accións en materia de cultura, deporte, así como noutros servizos universitarios; para finalmente deterse no Plan de Internacionalización, na sostibilidade e nas tecnoloxías da información e as comunicacións, así como no Plan de Infraestruturas e no caso concreto do Campus de Especialización Campus Terra, que acaba de renovar a súa acreditación por outros catro anos.  

As persoas 
O Informe de Xestión 24/25, o último que lle corresponde facer ao equipo de goberno de Antonio López, presta unha atención especial ás accións en materia de persoal, tanto no PDI, como como no PTXAS, para, ademais de adaptarse ao disposto na LOSU, “reducir a temporalidade e asegurar a remuda xeracional”. Así, ao longo de exercicio creáronse, en materia de PDI, un total de 235 prazas estruturais e 192 prazas de profesorado asociado. Con respecto ao PTXAS, no relativo á execución de convocatorias que garantan a captación
de novo persoal, en 2024, xestionáronse un total de 23 con 117 prazas implicadas. Este esforzo, indicou Antonio López, sitúa a USC como a Universidade española co índice de temporalidade máis baixo de España.

En materia de carreira horizontal e avaliación do rendemento, púxose en marcha o acceso extraordinario ao grao I da carreira profesional mediante o acordo asinado coa representación sindical en 2022. En, 2023 participaron 1.099 persoas e estimáronse o 88% das solicitudes. No ano 2024, lanzouse unha convocatoria complementaria polo que accederon extraordinariamente ao grao I un total de 67 persoas máis. En 2024 a Xerencia negociou unha proposta de carreira ordinaria que incluíu a avaliación do rendemento como mecanismo de progresión.

No que afecta ao estudantado, prosigue o documento, “mantense a tendencia crecente do número de estudantes que se matriculan por primeira vez na nosa Universidade consecuencia directa do traballo continuado na redefinición da oferta docente de grao e mestrado”. Esta tendencia é especialmente positiva no caso do Campus de Lugo cun incremento do 40 %. O informe tamén salienta a implantación de medidas como os bonos comedor e o reforzo de servizos como o de atención psicolóxica para mellorar as condicións do estudantado. Neste mesmo ámbito referido á vida universitaria, “mellorouse substancialmente a oferta cultural e deportiva da institución para aproximala ás demandas e intereses da comunidade”.

Economía e infraestruturas
No último ano a USC mantivo a súa planificación no ámbito das infraestruturas e a economía a través dos correspondentes plans plurianuais que regulan a actividade nestes ámbitos. Como explicou o reitor, a USC seguiu durante 2024 avanzando na redución da súa débeda sen renunciar a dar novos pasos nos proxectos máis inmediatos en materia de novas infraestruturas e reformas nos edificios actuais. De xeito provisional, o remate do exercicio 2024 produciuse en situación de superávit, consolidando a tendencia posterior á pandemia, cuestión que se vencella á captación de fondos europeos Next Generation canalizados a través das actuacións do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do goberno español.

Como se recolle no documento presentado, “a situación económica da Universidade segue sendo positiva e cómpre prepararse adecuadamente para afrontar a eventual redución de ingresos derivada do remate do Mecanismo de Recuperación e Resilencia”. Cun orzamento para 2025 que se sitúa nos 328,34 millóns de euros, as liñas da xestión económica da USC baséanse na autosuficiencia e eficiencia, o que significa investir en enerxías renovables que permitan aforrar no capítulo II, xestionar a través da Fundación USC para xerar menor custo, aumentar a xeración de custos indirectos mediante a captación de recursos e incrementar os créditos matriculados en titulacións oficiais.

En materia de infraestruturas, ademais da recente actualización do Plan que rexe esta materia, procedeuse á licitación da primeira fase do proxecto de Cidade da Saúde, para albergar a Facultade de Farmacia que permitirá iniciar as obras este mesmo ano.

“A estruturalización da investigación segue a ser un obxectivo esencial”, continúa o Informe, e nesta liña destaca a creación de novos centros de investigación que, ademais de avanzar no financiamento basal da mesma, “nos permiten participar con éxito en diferentes convocatorias entre as que é preciso mencionar o recoñecemento como unidades María de Maeztu para dous dos nosos centros singulares: IGFAE e CIMUS”.

Evolución 2018/2025
Ademais, sendo o derradeiro Claustro ordinario que celebra como reitor, Antonio López deu conta dunha visión xeral do seu mandato, do período 2018-2025, poñendo o foco en cuestións como a xestión realizada do cadro de persoal persoal ou o estudantado captado pola USC, así como na evolución do gasto e da débeda económica da Universidade compostelá.

Deste xeito, puxo de relevo como en materia de PDI se afrontou unha remuda xeracional importante tendo en conta a necesidade de frear e inverter a tendencia da idade media do colectivo docentes. “Este enfoque -manifestou- foi posible grazas á contención do gasto corrente, o que tamén permitiu propor accións de contratación para o colectivo de PTXAS e mellorar o investimento en infraestruturas, sen comprometer a redución da débeda, que dende 2018 pasou de 22,47 millóns de euros aos 9,47 millóns actualmente recoñecidos”.

Informe do Valedor
No curso 2023-2024, o Valedor da Comunidade Universitaria recibiu, a través de distintos medios, 67 consultas solicitando información e/ou axuda sobre diferentes cuestións que logo normalmente non remataron na presentación de queixas. O estudantado destaca como o estamento que fixo máis consultas (61,76%). Máis da metade delas versaron sobre aspectos relativos á docencia e avaliación e tamén a procedementos de xestión. 41 destas consultas tiveron que ver con estes dous temas, é dicir, o 61,19%. Ademais, no pasado ano académico presentáronse un total de 66 queixas, das cales 10 non foron admitidas a trámite. Hai cinco temas que abranguen unha boa parte das queixas presentadas e que supoñen algo máis do 65%. Trátase de procedementos administrativos, docencia e avaliación académica, condicións laborais e de xestión de persoal, procesos selectivos e prácticas curriculares e extracurriculares.

Propostas claustrais
Entre as propostas presentadas por membros do Claustro, aprobáronse dúas declaracións institucionais. Unha que insta o Parlamento de Galicia, a Xunta de Galicia, a ACSUG e o Consello Galego de Universidades a paralizar o proceso de creación da Universidade Emilia Pardo Banzán reiterando o compromiso da USC cun modelo universitario público, de calidade, inclusivo, cooperativo, planificado e ao servizo da sociedade galega; e outra que solicita ás administracións competentes no ámbito universitario que establezan un marco axeitado de relación coa Universidade baseado no respecto das competencias propias de cada quen e que permita a plena realización da autonomía universitaria.

A preocupación polo adiamento da finalización da obra da residencia San Clemente e o impulso doutras medidas que corrixan esta situación, así como a non participación da USC en proxectos de investigación con fins bélicos ou armamentísticos foron outras propostas aprobadas, ás que lle hai que lle sumar unha referida á postura da USC diante do xogo. Así, acordouse que a USC capará o acceso a webs de xogo nas súas redes, promoverá alternativas de ocio saudable e creará un Observatorio Universitario de Condutas Aditivas.

Por outra banda, a USC comprométese a traballar en prol do recoñecemento da diversidade de xénero de toda a súa comunidade universitaria e comprométese a non recoller datos relativos ao xénero ou sexo de maneira innecesaria, á vez que incorporará a opción “outros” naqueles casos onde proceda para finalidades de investigación. Por último, acordouse a creación de grupos de traballo sectoriais que analicen os requirimentos de cada titulación e as adaptacións curriculares específicas para as persoas con discapacidade. 
 

O Valedor da Comunidade Universitaria presentou o seu infome dos anos 23 e 24. Foto: Santi Alvite
O Valedor da Comunidade Universitaria presentou o seu infome dos anos 23 e 24. Foto: Santi Alvite